Cómpre garantir a seguranza dos carrís bicis e reparar o pavimento do de Ramón y Cajal

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou un rogo oral para a súa inclusión no vindeiro Pleno, a se realizar o xoves 5N, en relación ao estado en que se acha a rede de carrís bicis na nosa cidade.
Cómpre garantir a seguranza dos carrís bicis e reparar o pavimento do de Ramón y Cajal

O BNG, consoante coa súa aposta por un modelo de mobilidade que dea protagonismo ao transporte público, ao peón e á bicicleta, é firme defensor da extensión do carril bici. Mais, a través desta iniciativa, trasládalle ao Goberno Local a súa preocupación polos déficits de seguridade que nestes momentos caracterizan estas infraestruturas viarias na Coruña.

“Os carrís bici existentes na nosa cidade presentan moitas deficiencias no que atinxe á seguridade”, afirma Francisco Jorquera e pon como exemplo o traxecto que discorre pola Rúa Ramón y Cajal. “En grande parte do seu itinerario, e sobre todo no treito comprendido entre os cruzamentos de Ramón y Cajal coas rúas Alcalde Marchesi e Avenida de Oza, o pavimento está nun estado deplorábel, co conseguinte risco para as persoas ciclistas”.

Por tanto, o voceiro do BNG insta o Goberno Local a que “desenvolva as actuacións necesarias para corrixir os déficits de seguridade existentes nos carrís bici da cidade e, en particular, proceda á reparación do carril bici existente na rúa Ramón y Cajal”.

 

 

Cómpre garantir a seguranza dos carrís bicis e reparar o pavimento do de Ramón y Cajal