MOBILIDADE

A innecesaria ampliación da avenida da Vedra, os paracaidistas e as políticas de cemento e formigón... mais a mobilidade segue esquecida

Imaxe da avenida da Vedra á altura da fonte das Paxariñas
Imaxe da avenida da Vedra á altura da fonte das Paxariñas

O PP quere tirar réditos electorais a golpe de chequeira anunciando grandes obras e infraestruturas desde o Goberno do Estado mais sen atender realmente os problemas de mobilidade

Reafirmámonos en que non é tal a necesidade da ampliación da avenida da Vedra 

Diante dos problemas reais de mobilidade na Coruña e na área metropolitana, para nós a solución é planificar un transporte público intermodal cun servizo de proximidade por tren e cun autobús pensado para cubrir as necesidades da xente

Entendemos que a solución para a aliviar o tránsito na Vedra non é ampliar carrís senón repartir antes o tráfico coa conexión da AP-9 co aeroporto e, polo tanto, coa Terceira Rolda

Queremos advírtelle ao Partido Popular que se equivoca se pensa que as coruñesas e os coruñeses van esquecer coa súa chequeira que o Estado pretende vender por anacos a cidade (terreos do Campo da Estrada, os terreos da Solana e do Finisterre, peiraos interiores etc), que temos serias deficiencias nos servizos ferroviarios para conectarnos coa comarca ou que precisamos investimentos que redunden no emprego como o da limpeza da ría do Burgo ou a conexión ferroviaria do Porto Exterior, para os que non se dá tanta presa o Goberno de M.Rajoy

A innecesaria ampliación da avenida da Vedra, os paracaidistas e as políticas de cemento e formigón... mais a mobilidade segue esquecida

Diante do anuncio realizado por Íñigo de la Serna sobre a ampliación da avenida da Vedra e do correspondente anuncio no BOE da aprobación definitiva da ampliación desta vía até once carrís, nunha primeira valoración, criticamos que o PP pretenda tirar réditos electorais a golpe de chequeira anunciando grandes obras e infraestruturas desde o Goberno do Estado a un ano das municipais.

Nunha clase maxistral de política do século pasado baseada no cemento e no formigón, o Goberno do Estado, en mans do PP, propón un investimento de 19,5 millóns de euros en infraestruturas destinadas ao tráfico de vehículo privado que non son precisas, mais desde o BNG da Coruña advertímoslle ao Partido Popular que se equivoca se pensa que as coruñesas e os coruñeses van esquecer coa súa chequeira que o Estado pretende vender por anacos a cidade -terreos do Campo da Estrada, os terreos da Solana e do Finisterre, peiraos interiores-, que temos serias deficiencias nos servizos ferroviarios para conectarnos coa comarca ou que precisamos investimentos que redunden no emprego como o da limpeza da ría do Burgo ou a conexión ferroviaria do Porto Exterior, para os que non se dá tanta presa o Goberno de M.Rajoy.

Reafirmámonos en que non é tal a necesidade da ampliación da avenida da Vedra e incidimos en que as solucións aos problemas reais de mobilidade na Coruña e na área metropolitana pasan por apostar por un transporte público intermodal fundamentalmente a través dun servizo de proximidade por tren e por un autobús pensado para cubrir as necesidades da xente.

Entendemos que en determinadas ocasións na avenida de Alfonso Molina pode haber retencións puntuais debidas a alcances mais a ampliación de carrís non é a solución mais, ao contrario, pode ter un “efecto chamada” e que a solución para a avenida da Vedra pasa por repartir antes o tráfico e conectar a AP-9 co aeroporto, e polo tanto coa AC-14, como temos demandado en múltiples ocasións a través de emendas nos Orzamentos Xerais do Estado.

Subliñamos, por tanto, a necesidade de por en marcha políticas decididas en mobilidade, que aposten polo transporte público intermodal, na que se combinen distintos medios de transporte para facer máis áxil os fluxos de comunicación na cidade e entre a cidade e os concellos da comarca, cun transporte público colectivo por autobús adecuado ás demandas reais da veciñanza e que sirva para distribuír eficientemente entre núcleos as súas necesidades, o tren de proximidade, cunhas instalacións ferroviarias hoxe en día totalmente infrautilizadas e que cada día teñen un deterioro máis evidente, alén do fomento de outro tipo de medios como podan ser o transporte en bicicleta ou o transporte marítimo.

A Coruña, 21 de marzo de 2018.

 

Artigos relacionados: