Coas obras da Mariña novamente se ataca ao pequeno comercio e á hostalaría

Coas obras da Mariña novamente se ataca ao pequeno comercio e á hostalaría

O Goberno Local non quere exixir a autoridade portuaria a cesión gratuíta ao concello dos xardíns da mariña, a paralización da contratación en curso da urbanización da mariña e a desaparición do proxecto desta das dúas edificacións destinadas a servizos de hostalaría e os dous quioscos

O Partido Popular non só non nega que os dous edificios proxectados na Mariña vaian ter usos comerciais e de hostalaría, senón que rexeita que se dediquen para outros usos distintos ao dos comerciais e de hostalaría, prexudicando desta maneira a estes sectores da zona 

Concentracion da plataforma "Non ás obras da Mariña"

O Goberno Local non quere exixir a Autoridade Portuaria a cesión gratuíta ao concello dos Xardíns da Mariña, a paralización da contratación en curso da urbanización da Mariña e a desaparición do proxecto desta das dúas edificacións destinadas a servizos de hostalaría e os dous quioscos. Ademais, o Partido Popular non só non negou, no pleno celebrado este luns, que os dous edificios proxectados na Mariña vaian ter usos comerciais e de hostalaría, senón que rexeitou que se dediquen para outros usos distintos dos comerciais e de hostalaría, prexudicando, desta maneira, a estes sectores da zona.

O Goberno Municipal evidenciou, ante o rexeitamento da moción que presentou o BNG, e ante a contestación ás preguntas orais tamén presentadas, a súa postura ante unhas obras de urbanización da Mariña que son ilegais, que son un dispendio e que van causar un prexuízo económico aos locais de hostelaría e de restantes actividades comerciais existentes.

O Grupo Municipal expuxo que o Goberno do Partido Popular vai asumir en solitario as obras de urbanización da Mariña pese a ser unhas obras ilegais que non teñen abeiro urbanístico pois o planeamento actual non contempla as obras de urbanización da Mariña, e que ademais teñen un custo de case 7 millóns de euros, supondo un dispendio de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son propiedade de Autoridade Portuaria.

Tamén salientou o BNG que o Goberno Municipal asume unha serie de gastos disparatados, superfluos e algúns deles sen máis finalidade que unha máis que discutíbel estética urbana.

Entre outros, unha pasarela cun custo de execución de 633.622 euros, bancos que custan até 21.038,34 euros, ademais de farolas de 3.300 euros, maceteiras de 2.850 euros, papeleiras de 950 euros e fontes de 1.500 euros, entre outras actuacións. E vai executar estes gastos nunha situación económica como a actual, na que xunto ao drama social do paro hai que engadirlle o incremento dos tributos municipais.

E por último, tamén subliñouse, que as obras de urbanización da Mariña van provocar a demolición de dúas construcións existentes, como son a oficina de turismo e o edificio de sanidade, e van permitir a posterior execución de dúas novas edificacións (de 173 e 243 m2) que, de acordo co proxecto, van ser destinados a servizos de hostalaría ou similares, e de dous quioscos (de 20 m2 cada un) que tamén venderán “refrixerios” e no que se localizan ao seu pé 4 bancos con mesas, de modo que vai haber estes estabelecementos que van competir de maneira desleal e causando prexuízo económico aos locais de hostalería e de restantes actividades comerciais existentes na zona.

Unhas obras, a da urbanización da Mariña, que se van desenvolver, a maior parte, en superficie propiedade da Autoridade Portuaria, inclusive a superficie de terreos da Mariña, xa que ditos terreos foron cedidos ao Concello e seguen sendo bens patrimoniais da Autoridade Portuaria e que no día de hoxe o Concello evidenciou que se nega a esixirllos, así como comunicarlle a Autoridade Portuaria a procedencia legal do desestimento dos procedementos de contratación en curso da urbanización da Mariña por vulneración do procedemento urbanístico de aplicación e por supor un dispendio de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son de propiedade da Autoridade Portuaria.

Coas obras da Mariña novamente se ataca ao pequeno comercio e á hostalaría