Celebramos a licitación da dragaxe da Ría do Burgo, mais fican pendentes as compensacións ás mariscadoras

Non foi sen tempo, mais hoxe o Bloque Nacionalista Galego da Comarca da Coruña tense que congratular perante a noticia de que o Estado vai licitar nos próximos días os traballos de dragaxe da Ría do Burgo, unha actuación orzamentada en 48,6 millóns de euros e que terá un prazo de execución de 26 meses.
Celebramos a licitación da dragaxe da Ría do Burgo, mais fican pendentes as compensacións ás mariscadoras

É obvio que esta obra non se tería planificado se non fose pola presión social, a comezar pola exercida polo colectivo de mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo. Desde o BNG tentamos contribuír a que ese esforzo cidadán cristalizase e durante os últimos anos puxemos na axenda política este asunto, impulsándomos millenta iniciativas en todas as institucións lexislativas en que temos presenza –no Parlamento galego, no Congreso dos Deputados-, en Bruxelas co inxente traballo da nosa portavoz Ana Miranda e nos distintos concellos ribeiregos.

Celebramos, pois, esta noticia, mais ao mesmo tempo advertimos de que non todo está feito. Fica pendente un asunto nada menor, a compensación económica ao colectivo de mariscadoras e mariscadores que se verán obrigadas a cesaren nas súas actividades extractivas durante o tempo de execución das obras, isto é, por espazo de máis de dous anos.

Nese sentido, cumpre lembrar que o BNG apresentou emendas parciais aos orzamentos xerais do Estado e da Xunta da Galiza para estas administracións, que se veñen pasando a pelota neste asunto, asumiren as súas responsabilidades e habilitaren o necesario paquete de axudas económicas.

Estamos a falar de aproximadamente 1,3 millóns de euros, unha cantidade relativamente pequena en relación ao monto total da licitación (48,6). É unha cuestión de xustiza elemental.

Infelizmente, nin PP nin PSOE están polo asunto. En Madrid a nosa emenda foi rexeitada e na Cámara galega o PP non só non apoiou unha proposición non de lei defendida por Mercedes Queixas, senón que quixo endosar parte da factura aos concellos ribeiregos (Cambre, Culleredo, Oleiros, A Coruña) comprometéndose apenas a que a Xunta achegase un máximo de 100 mil euros, unha cantidade que mostra até que punto a Administración galega se ten desatendido desta cuestión.

 

Celebramos a licitación da dragaxe da Ría do Burgo, mais fican pendentes as compensacións ás mariscadoras