Caso Someso: o Goberno Local volve fechar a porta a depurar responsabilidades por un escándalo urbanístico do vazquismo

Polígono de Someso
Edificios do polígono
Como xa fixera no caso do edificio Conde de Fenosa, o Goberno Local opta por fechar en falso un novo escándalo urbanística da época do alcalde Francisco Vázquez sen depurar as debidas responsabilidades.
Caso Someso: o Goberno Local volve fechar a porta a depurar responsabilidades por un escándalo urbanístico do vazquismo

Así o considera o grupo municipal do BNG após a Xunta de Goberno Local ter determinado na mañá deste mércores que non vai propor ao Consello Consultivo da Galiza a revisión de oficio da ordenación urbanística do Polígono de Someso.

O BNG advirte que fechar a porta á revisión de oficio impide esixir responsabilidades patrimoniais a Francisco Vázquez e membros do Goberno Local por el presidido que participaran na toma de decisións sobre este asunto.

O caso, en orixe unha expropiación de fincas para a construción dun campo de fútbol que nunca se fixo, saldouse, após as conseguintes demandas da veciñanza afectada, con danos patrimoniais para o Concello por volta de 23 millóns de euros.

“É unha tomadura de pelo que se queira fechar de novo un escándalo urbanístico en falso”, avalía Avia Veira, a responsábel de Urbanismo do grupo municipal nacionalista.

Fechar a porta á revisión de oficio impide esixir responsabilidades patrimoniais a Francisco Vázquez e membros do Goberno Local por el presidido que participaran na toma de decisións sobre este asunto

O BNG xa comprobara no caso do edificio Conde de Fenosa, “en que ningún dos responsábeis pagou pola desfeita, nin politica nin xudicialmente- que este Goberno Local “é incapaz de se desfacer do seu pasado vazquista”. “A el só aluden”, acrecenta a edil, “para se gabaren das bibliotecas municipais, as escolas infantís ou os centros cívicos, mais son incapaces de faceren un mínimo de autocrítica cun goberno, o de Francisco Vázquez, de cuxa xestión se teñen derivado consecuencias millonarias para a Facenda local”, di Veira. “Ás indemnizacións do Castro de Elviña ou do edificio do Conde de Fenosa sumamos agora o caso Someso”, engade.

Subliña o BNG que a revisión de oficio das decisións políticas que deron lugar á ordenación urbanística do Polígono de Someso foi solicitada en 2013 polo naquela altura portavoz nacionalista no Concello, Xosé Manuel Carril. O Bloque leva por tanto anos a pedir que se depuren responsabilidades, en defensa dos intereses das coruñesas e dos coruñeses e, en concreto, en defensa dos intereses da Facenda local. “Infelizmente o Goberno Local non está nesa mesma liña e pecha agora a porta a que os responsábeis deste escándalo urbanística paguen polo que fixeron”, conclúe Veira.

O PRESCO NAS LIBRARÍAS

Por outra banda, o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, demandou na Xunta de Goberno Local que se arbitrase unha solución ante a situación que se está a vivir en librarías que, sen ter alcanzado o límite por establecemento do bono Cultura do PRESCO, ven agora como se están a anular un importante número de encargos por parte de clientes como consecuencia do esgotamento da partida orzamentaria destinada a financiar esta liña deste plan de recuperación económica e social.

 

Caso Someso: o Goberno Local volve fechar a porta a depurar responsabilidades por un escándalo urbanístico do vazquismo