Carril: "O proxecto do Parrote debe someterse, de novo, a exposición pública"

Carril: "O proxecto do Parrote debe someterse, de novo, a exposición pública"

A Coruña, 3 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, advirte de que o proxecto de Copasa para desenvolver no Parrote debe someterse, de novo, ao trámite de exposición pública, dados os cambios substanciais que afectan, nomeadamente, á reordenación do tráfico en superficie. Unha das alegacións presentadas polos nacionalistas ao proxecto de Copasa foi estimada. E é que a nova reodernación do viario para o accesos ao aparcadoiro ocupaba parcialmente os xardíns da Mariña, cualificados polo planeamento vixente como espazo libre público, polo cal, tal e como alertara o BNG, o proxecto do Parrote presentado por Copasa é ilegal.

A ocupación desta zona verde, que denunciaba o BNG nas súas alegacións como ilegal, é confirmada polo arquitecto municipal que, nun informe, sinala que "a reorganización do tráfico na superficie na fronte da Mariña si que invade a zona verde calificada no PEPRI vixente, nunha franxa de, aproximadamente, 4,50 de largo x 130 m de longo… Polo tanto, á vista do anterior, considérase que as actuacións de urbanización cara á reordenación do tráfico en superficie proposta na fronte da Mariña, que afectan á zona verde, son incompatíbeis coas determinacións do planeamento vixente de aplicación".

O financiamento do viario soterrado, no aire

Ademais, Carril pon de manifesto que o Concello da Coruña aínda non asinou ningún convenio para o financiamento do viario soterrado do Parrote. Lembra Carril que no convenio de xaneiro de 2012 entre o Concello e a Autoridade Portuaria acordouse que sería o Concello quen pagaría os 14.093.387,62 euros (sen IVE) do viario soterrado do Parrote (que inclúe parte da estrutura do aparcadoiro soterrado de Copasa ao discorrer por debaixo del), cunha temporalización na que neste mesmo ano se pagararían 1.500.000 euros a Copasa (e é que a empresa é quen vai executar o viario, tal e como se especifica no convenio).

Para este millón e medio de euros, apunta Carril, existe crédito orzamentario nas contas do 2012 (figuran 3 millóns de euros para viais soterrados na Mariña e no Parrote, financiados, na súa totalidade, mediante empréstito). Porén, para os vindeiros anos xa se precisa que o financiamento estará condicionado polos límites de estabilidade orzamentaria e de endebedamento.

Carril explica que aínda que o convenio recolle a posibilidade de financiamento por outras Administracións públicas, nos orzamentos da Xunta de Galiza do 2012 só figuran 20.000 euros (partida 07.A1.512B.760.0 convenio subterráneo A Mariña-O Parrote), mais non consta compromiso orzamentario ningún por parte do Goberno galego para cofinanciar o viario nos vindeiros anos.

A estas alturas do ano, lembra o nacionalista, o Concello da Coruña e a Xunta de Galiza aínda non asinaron o convenio de colaboración para financiar con eses 20.000 euros o viario. E iso que en outubro de 2011, nunha visita á delegada da Xunta de Galiza na Coruña, en que informou dos orzamentos, o conselleiro Agustín Hernández gabábase do "esforzo" inversor do Goberno galego na nosa comarca e salientaba "o compromiso de incorporar novos proxectos, como é o soterramento da Mariña e o Parrote, proxecto para o que, ao longo do vindeiro ano, se espera asinar o convenio de colaboración". "Imaxinamos, ironiza Carril, que ese convenio será asinado a bombo e platillo nas próximas semanas, en pleno período electoral, para tratar o PP de sacar algún rédito a esta ridícula achega económica.

Carril: "O proxecto do Parrote debe someterse, de novo, a exposición pública"