A caravana #TodasAsCoruñas recolle máis de 30 propostas para vivir cun mínimo de dignidade en Feáns

A caravana #TodasAsCoruñas recolle máis de 30 propostas para vivir cun mínimo de dignidade en Feáns

FEÁNS WEBA Coruña, 27 de febreiro de 2015- Feáns foi o lugar de parada da caravana de #TodasAsCoruñas, que despois de visitar os asentamentos precarios está a percorrer todos os núcleos rurais da Coruña. O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, que estivo acompañado doutros membros da candidatura como María Xosé Bravo, Suso Bermello e Fernando Souto, sinalou en declaracións aos medios que se recolleron unha trintena de actuacións para seren incorporadas ao programa electoral e que se reconducen a poder vivir cun mínimo de dignidade neste barrio.

FEANS 2“As propostas que nos achegou a veciñanza son tan básicas que dá até vergoña citalas, e non polas actuacións en si, senón polo abandono ao que está sometido este lugar. Parecen, máis ben, propostas propias dun país non desenvolto”, advertiu Carril. O tamén portavoz do Grupo Municipal do BNG sinalou que as propostas máis repetidas polos veciños e veciñas abranguen desde a necesidade de que se constrúan beirarrúas até a necesidade de mellorar e actualizar os pasos de peóns –para garantir o tránsito peonil en condicións de seguridade-, pasando pola canalización das augas até o arranxo das fochancas. Precisamente, ao finalizar a reunión con representantes da AVV de Feáns, directivos da entidade veciñal ironizaban con Carril acerca da “piscina municipal” que teñen fronte ao centro cívico (en alusión ás grandes pozas que se crean cando chove).

Carril citou que moitas destas cuestións mínimas que solicita a veciñanza de Feáns son comúns a outras zonas rurais da Coruña, dado o estado de abandono en que se atopan.

Emilio Longueira: “Nos últimos anos, Feáns sofre un retroceso imparábel”

WEB FEANS 3Convidado por Carril a falar para os medios de comunicación, o membro da directiva da AVV de Feáns Emilio Longueira puxo de manifesto que as necesidades do barrio “son moitas e variadas, porque Feáns marchou cara atrás, sofre un retroceso imparábel que nos leva a falar dunha situación de semiabandono”.

Entre outras, Emilio Longueira trasladoulles aos xornalistas a necesidade de que se desenvolva dunha vez o enlace coa terceira rolda, dados os grandes problemas de acceso que padece a veciñanza de Feáns, Mesoiro e Novo Mesoiro ou a necesidade de que rematen as obras na estrada provincial que une A Coruña con Arteixo, unha estrada nun estado moi perigoso que leva parada 4 anos. Lamentou o representante veciñal que a Deputación da Coruña non lles ofrecera explicación ningunha aos veciños e veciñas malia os problemas de auga, atascos e accidentes que provoca o estado desta vía. Tamén se referiu á necesidade de que se amplíe o centro de ensino e de que se cubra o patio como o resto dos CEIP da Coruña.

Nas próximas horas, candidatos do BNG-Asembleas Abertas, encabezados por Carril, farán parada no barrio de Mesoiro para recoller as propostas que incluirán no programa electoral.