Bravo: "A Concellaría de Servizos Sociais loita contra @s pobres en vez de loitar contra a pobreza"

Bravo: "A Concellaría de Servizos Sociais loita contra @s pobres en vez de loitar contra a pobreza"

MX BRAVOA Coruña, 25 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG, María Xosé Bravo, deu esta mañá unha rolda de prensa para pedirlle ao Goberno municipal un cambio de rumbo radical en materia de servizos sociais, co fin de converter as persoas necesitadas na prioridade do Sr. Negreira. A edila nacionalista sinalou que o Goberno municipal non está a dar resposta ás necesidades das persoas excluídas e cualificou a Concellaría de Servizos Sociais de “ineficaz, inxusta, ineficiente, incapaz e incompetente”. María Xosé Bravo acusou o Goberno do Sr. Negreira de copiar as políticas antisociais de Ana Botella en Madrid e de loitar contra os pobres en vez de loitar contra a pobreza.

En materia de exclusión social, María Xosé Bravo criticou que o Goberno municipal perdera todo un ano, o 2012, en desmantelar o equipo de inclusión social, que se volveu poñer en marcha este ano. “E despois de suprimir este equipo imprescindíbel ao longo dun ano, o Goberno municipal fala de limpar (como di o PP) a Praza de Pontevedra de persoas indixentes”, advirte.

No que ten a ver co chabolismo, a edila do BNG falou de “fracaso máis absoluto”. Sinalou que o Goberno municipal vendeu a bombo e platillo o convenio coa Deputación da Coruña, que é “fume”, pois non supón persoal especialistas ningunha a maiores para traballar contra o chabolismo. Tamén aludiu á redución das partidas para a erradicación do chabolismo, que pasaron de 772.000 euros do 2012 a 402.500 euros do 2013. Salientou que da partida para a adquisición da vivenda non se executou nin un céntimo no 2012, mentres que desa mesma partida, que sufriu unha redución considerábel nos orzamentos de 2013 (a 40.000 euros) non se executou absolutamente nada a día de hoxe. Sobre o programa de emprego Acceder, denunciou que só unha muller se beneficiou del cun contrato laboral de 4 meses. No ámbito da erradicación do chabolismo, a concelleira do BNG criticou que o Goberno do Sr. Negreira use a policía para amedrentar o colectivo xitano da Ponte da Pasaxe, con persoas sancionadas até por recoller cartón.

En canto á inmigración, María Xosé Bravo denunciou o acoso con multas ao que se ve sometido o colectivo de vendedores ambulantes (a meirande parte deles, inmigrantes) e transmitiu unha profunda crítica do BNG á nova ordenanza fiscal por decomisos, que provocará que as persoas teñan que aboar, como mínimo, 100 euros se queren recuperar os obxectos requisados pola policía. “No debate en comisión das ordenanzas, o propio concelleiro dixo que a medida non tiña afán recadatorio, e nós así o cremos: isto non é afán recadatorio, é racismo”, salientou.

Tamén falou María Xosé Bravo da inhibición da Concellaría de Servizos Sociais diante de problemas graves que afectan a súa área. Puxo como exemplos o pasotismo do edil de Servizos Sociais cando a adxudicataria da axuda a domicilio, INGESAN, botou á rúa as coordinadoras (traballadoras sociais) ou os despedimentos de 8 persoas pertencentes á Rede Galega de Quioscos, unha rede que funciona na Coruña en virtude dun convenio asinado entre o Concello e Cogami e que leva máis dunha década caducado.

Por último, a concelleira do BNG referiuse ao desmantelamento dos servizos sociais comunitarios coa centralización da atención que se prestaba nos centros cívicos, unha decisión do Goberno municipal que provocou a supresión da persoa de referencia que atendía as persoas usuarias. Fixo fincapé en que as propias traballadoras destes servizos emitiron un informe moi crítico coa centralización e anunciou que lle fará chegar este documento ao alcalde e ao concelleiro de Servizos Sociais para que rectifiquen unha medida que atenta contra as persoas máis débiles.

Bravo: "A Concellaría de Servizos Sociais loita contra @s pobres en vez de loitar contra a pobreza"