Bouza: "Votar o BNG é garantir o futuro da mocidade e o futuro do país"

Bouza: "Votar o BNG é garantir o futuro da mocidade e o futuro do país"

A Coruña, 17 de outubro de 2012.- “Estamos ás portas do 21 de outubro e en Galiza hai dous proxectos diferenciados e antagónicos. Un, o do PP, o de Feijóo, o proxecto da continuidade, da designación e da desesperanza e, o outro, o do BNG, que é o da esperanza, o do futuro, o que di que hai que loitar por unha Galiza onde vivir e traballar dignamente, por nos pór en pé para traballar por un cambio de rumbo”. Así comezaba Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal do BNG, o acto público que os nacionalistas celebraron esta tarde no CEIP Emilia Pardo Bazán, nos Rosais. Foi Carril quen lle deu o paso ao convidado, Ernesto López, sindicalista, quen fixo unha radiografía da situación laboral da comarca, caracterizada polos ERE asinados pola cabeza de lista número 1 do PP pola Coruña, Beatriz Mato, que converteu a cidade e a comarca nun deserto industrial.

Pola súa banda, a candidata número tres pola Coruña, Ana Luísa Bouza, sinalou que “votar o BNG é garantir o futuro do país e o futuro da mocidade” e lembrou que Feijóo levou á emigración a 60.000 mozos e mozas en tan só tres anos e medio. Neste contexto, chamou “a converter o descontento contra as políticas do PP en voto útil ao BNG para evitar máis recortes de dereitos conquistados”. Así, a candidata do BNG afirmou que “Feijóo é submiso aos ditados do PP de Madrid e non lle treme o pulso en traizoar a Galiza para contentar a Rajoy, fronte a Jorquera, que se presenta cun aval e cunha gran traxectoria na defensa dos intereses do noso país”.

A nacionalista puxo de manifesto que o BNG, desde o Goberno galego, non se someterá aos recortes. “O BNG non consentirá ningún recorte mentres se lle regalan cartos á banca privada e o BNG será insubmiso e presentará recursos de inconstitucionalidade contra as decisións de Madrid que invadan competencias para obrigar a novos recortes”. Nesta liña, propuxo unha banca pública galega para “gobernar nós o noso aforro como garantía de que os autónomos, os pequenos e medianos empresarios e as familias teñan acceso ao crédito e que os seus proxectos sirvan para xerar riqueza e emprego que non saia de Galiza”. Tamén apostou por un sistema impositivo máis xusto, que grave as grandes fortunas e para que os beneficios das grandes empresas, como Inditex, paguen o seu imposto de sociedades en Galiza. 

“Galiza é un país rico”

Na súa intervención, Bouza reivindicou a capacidade de decisión de Galiza. “Somos un país rico, temos o naval máis punteiro, somos potencia pesqueira, temos o mellor agro e un grande potencial en I+ D”, sinalou. “Mentres o PP supedita calquera decisión sobre os nosos sectores produtivos aos intereses de Madrid e Bruxelas, o BNG fará que Galiza teña presenza propia en Bruxelas para defendelos”, engadiu, e citou tamén a proposta dos nacionalistas para unha tarifa eléctrica galega en beneficio dos consumidores”.

Non esqueceu a candidata do BNG o afortalamento dos servizos públicos, “o proxecto do BNG quere xustiza social, non pode seguir habendo xente sen casa e casas sen xente”. “Estabeleceremos un Patrimonio público de vivenda coas casas baleiras en mans dos bancos”. “O proxecto do BNG quere que ninguén fique atrás. Esa é a nosa alternativa. A do PP é un banco malo, é facer negocio no público”, apuntou.

Por último, Bouza aludiu a unha maior democracia contra os retrocesos nos dereitos e nas liberdades, “o proxecto de país do BNG non permitirá recortar en igualdade e soberanía e será un proxecto aberto e construído entre todos e todas, por iso propomos unha Lei de Consultas Populares”.