O BNG ve máis sombras que luces na xestión do Goberno Local durante 2020

Jorquera e Veira, antes dun Pleno
Jorquera e Veira, antes dun Pleno
“Máis sombras que luces”. Con esta expresión resume o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, o balance de xestión do Goberno Local durante este 2020 que está a piques de concluír.
O BNG ve máis sombras que luces na xestión do Goberno Local durante 2020

“Máis sombras que luces”. Con esta expresión resume o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, o balance de xestión do Goberno Local durante este 2020 que está a piques de concluír.

“Foi un ano excepcional, marcado pola pandemia”, considera Jorquera, para quen “todos os grupos municipais demostramos madurez e altura de miras ao sermos capaces de consensuar os contidos dun Plan de Reactivación Económica e Social para lle facermos fronte á crise xerada pola Covid-19”. Porén, o BNG gostaría de que a execución dese plan, o coñecido como PRESCO, “tivese sido máis dilixente”.

A seguir, esmiuza Jorquera por que razóns o Bloque ve máis sombras do que luces na xestión do Goberno Local:

1.-“Preocúpanos a inestabilidade do Goberno Municipal. De feito, levamos xa dúas remodelacións do goberno cando apenas se ten consumido ano e medio de mandato”.

2.-Vemos “preocupantes sinais de involución nun asunto tan sensíbel como o do urbanismo”. O exemplo paradigmático dun indesexábel retorno a políticas do pasado teríamolo nas Percebeiras, por certo un proxecto, como se ten visto nun recente debate no Parlamento galego, en que se produce unha converxencia entre PSOE e PP.

3.-Falta de resultados positivos para A Coruña na interlocución do Goberno Local coas administracións estatal e autonómica. Isto viuse con especial clareza nos orzamentos para 2021, quer os xerais do estado quer os galegos. “O Goberno de Inés Rey non foi quen de conseguir un trato xusto para a cidade nesas contas”, alega Jorquera.

4.-Tampouco partillamos a decisión do Goberno Local de deixar A Coruña en 2021 sen uns orzamentos novos cos que enfrontar a crise da pandemia. A decisión de prorrogar as contas de 2020 grave porque incumpre o Acordo de Investidura e porque revela falta de vontade negociadora por parte do grupo que dá sustento ao executivo coruñés.

“Estas son as principais críticas que facemos ao que foi a actuación do Goberno Municipal neste ano que desexamos que remate e que anticipe un 2021 mellor para todas e todos”, conclúe Jorquera.

 

O BNG ve máis sombras que luces na xestión do Goberno Local durante 2020