O BNG traslada ao Pleno a proposta da Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou sobre as Percebeiras

O soar das Percebeiras
O soar das Percebeiras
O BNG traslada ao Pleno deste xoves 1 de outubro unha iniciativa da Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou sobre o proxecto das Percebeiras e faino en forma de moción asinada conxuntamente coa Marea Atlántica. O texto da moción foi integramente redactado polo colectivo veciñal.
O BNG traslada ao Pleno a proposta da Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou sobre as Percebeiras

A iniciativa defende a retirada do coñecido como o Proxecto das Percebeiras e a modificación puntual do PXOM para no seu canto recualificar o solo con destino a un sistema dotacional público para zonas verdes e espazos públicos.

“Nin Labañou nin A Coruña precisan os mamotretos que se queren construír xusto perante o bordo litoral da cidade”, afirma Avia Veira, responsábel de Urbanismo do grupo municipal do BNG. “Teñamos en conta que non se teñen cumprido as previsións do PXOM de 2013, nin en canto ao incremento da poboación nin en canto á construción de vivendas. O proxecto non se xustifica pola existencia dunha grande demanda de novas edificacións”, argumenta a concelleira nacionalista.

 “O desenvolvemento urbanístico das Percebeiras”, esténdese, “representa un ataque ao bordo litoral, incumpre normas urbanística de protección da paisaxe que teñen un rango legal superior ao PXOM e, por suposto, non é congruente coa Estratexia contra o Cambio Climático, a Estratexia Eidus, nin cos obxectivos de Desenvolvemento Sostíbeis da ONU que ten asumidos o Estado español”.

No canto de preparar A Coruña para combater os efectos perniciosos do cambio climático, o proxecto das Percebeiras suporía a eliminación dunha das escasas zonas verdes naturais da cidade. “Cómpre evitar novas urbanizacións na beiramar e cómpre gañar espazos de cohesión social e para o lecer comunitario”, defende Avia Veira.

No canto de preparar A Coruña para combater os efectos perniciosos do cambio climático, o proxecto das Percebeiras suporía a eliminación dunha das escasas zonas verdes naturais da cidade

A Coruña ten un problema de vivenda, si, mais non se arranxa con urbanizacións de vivendas destinadas a rendas altas. “A cidade está chea de soares en estado de abandono ou de esqueletos sen rematar, auténticos focos de sucidade. O mesmo acontece con edificios que precisan de rehabilitación, alén do grande parque de vivendas baleiras que temos. É por aí onde se ten que encamiñar unha política urbanística que garantise o dereito do acceso á vivenda por un lado e por outro incrementase as zonas verdes e os espazos de encontro social”, indica a concelleira nacionalista.

“Por todos estes motivos”, recapitula Avia Veira, “desde o BNG témonos posicionado en contra do proxecto das Percebeiras e como consecuencia diso trasladamos o Pleno as súas propostas, alén de apoiarmos as alegacións que formulan ao Documento Ambiental Estratéxico”.

 

 

O BNG traslada ao Pleno a proposta da Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou sobre as Percebeiras