O BNG solicita a anulación da suba do prezo de inscrición nas Carreiras Populares

O BNG solicita a anulación da suba do prezo de inscrición nas Carreiras Populares

A Coruña, 10 de setembro de 2015.- Diversos colectivos e veciñanza ten trasladado ao Grupo Municipal do BNG o seu malestar ante as medidas que na páxina web das Carreiras Populares do Concello da Coruña anuncian un recorte en gastos nas carreiras C10, C21 e C42. O BNG considera que estas medidas, que están a ser moi criticadas, cando menos nos foros especializados, están totalmente fora de lugar sobre todo nos tempos de crise que estamos a vivir, e onde a práctica da carreira (footing, running) converteuse nunha das especialidades máis económicas. Máxime tendo en conta que os argumentos que se están a usar non teñen en consideración o nivel de participación popular e de seguimento que teñen a día de hoxe este tipo de eventos, proba diso o grao de implicación e aceptación da veciñanza, entidades deportivas e non deportivas, e colectivos durante os percorridos da convocatoria 2014-2015.

O BNG presentou hoxe un rogo reclamando a anulación da suba no prezo de inscrición das Carreiras Populares

O BNG considera que o incremento ao dobre do custo de inscrición da convocatoria anterior é inxustificábel, cando son, como e seu nome indica, “Carreiras Populares”, que pretenden incentivar hábitos de vida saudábeis coa promoción do deporte é do ocio, mais sobre todo, do coidado da saúde. Asemade, as nacionalistas lémbranlle ao Goberno Municipal que esta actividade cada día conta con maior participación e repercusión social na cidade e están a se converter en actividades de referencia no calendario deportivo municipal.

Ademais, o grupo municipal do BNG entende como absurda a supresión da actividade non competitiva da categoría “pituf@s”, da que tamén se dá conta na mesma páxina web, categoría que incentiva a práctica do deporte para nenos e nenas desde idades moi cedas, e que cada vez tiña máis crianzas anotadas e contaba coa implicación de nais e pais ao ser unha actividade evidentemente de carácter familiar.

O Grupo Municipal tamén pide a anulación de todas as medidas de recorte de gastos anunciadas nestes eventos deportivos

Por todos estes motivos o BNG rexistrou esta mañá un rogo para o próximo pleno onde se insta ao concello anular todas as medidas de recorte anunciadas para estas Carreiras Populares mantendo as taxas de inscrición, categorías, percorridos e eventos que houbo para a convocatoria 2014-2015.

O BNG solicita a anulación da suba do prezo de inscrición nas Carreiras Populares