O BNG sinala que o aparcadoiro das Conchiñas só vai beneficiar as persoas con máis recursos

O BNG sinala que o aparcadoiro das Conchiñas só vai beneficiar as persoas con máis recursos

praza das conchiñasA Coruña, 17 de marzo de 2014.- O BNG sinala que o aparcadoiro soterrado das Conchiñas só vai beneficiar as persoas con máis recursos e non vai resolver o problema de conxestión de tránsito e de estacionamento do barrio. Alén diso, sinalan as nacionalistas, o Sr. Negreira debía ter aproveitado a súa visita para presentarlle á veciñanza o proxecto de superficie da praza das Conchiñas e o Plan de Mobilidade da Agra, así como coñecer os problemas de accesibilidade que veciñas e veciños teñen nas rúas do barrio como a do Observatorio.

A praza das Conchiñas, lembran as nacionalistas, era unha das escasas zonas verdes das que dispuña o barrio da Agra do Orzán e que frecuentaba como espazo de lecer boa parte dos seus habitantes, sobre todo maiores e familias con crianzas. A día de hoxe, salienta o BNG, a veciñanza non coñece polo miúdo o proxecto de superficie da praza deseñado polo Goberno municipal.

O Sr. Negreira debía ter aproveitado a súa visita para presentarlle á veciñanza o proxecto de superficie da praza das Conchiñas e o Plan de Mobilidade da Agra, así como coñecer os problemas de accesibilidade de rúas como a do Observatorio

As nacionalistas pregúntanse por que hoxe non aproveitou, tamén, o alcalde para lle presentar á veciñanza da Agra o Plano de Mobilidade que custou 72.000 euros e que foi pagado con partidas específicas do proxecto Urbana-C. Xa que a día de hoxe nada se sabe, nin sequera un “resumo executivo”, alén da numeración de seis medidas que apareceron recollidas pola prensa xa hai case un mes e que non van encamiñadas a diminuír o tránsito rodado de automóbeis que atura este conxestionado barrio, nin propón alternativas ao uso privado do coche. Semella que todas as súas medidas de mobilidade para o barrio pasan por este aparcadoiro de pago de 2,2 millóns de euros. O BNG lembra, que moi perto de alí, hai un aparcadoiro, o da Rolda de Outeiro, que está medio baleiro todos os días.

O BNG tamén salienta que hoxe era unha boa oportunidade para que o Sr. Negreira se achegase a certas rúas do barrio da Agra para coñecer as demandas da veciñanza sobre os problemas e necesidades de accesibilidade e mobilidade dalgunhas rúas, como a do Observatorio, sobre a que o BNG presentou un rogo escrito no último pleno.

O BNG sinala que o aparcadoiro das Conchiñas só vai beneficiar as persoas con máis recursos