COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO ACORDO DE INVESTIDURA

BNG e PSdeG acordan impulsar o Consello Económico e Social, a Ordenanza do Galego e o Consello Municipal de Cultura

comisom seguimento
comisom seguimento
Con tres acordos cualificados por Francisco Jorquera como “relevantes” concluíu este martes a Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura constituída polos grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE.
BNG e PSdeG acordan impulsar o Consello Económico e Social, a Ordenanza do Galego e o Consello Municipal de Cultura

Os acordos déronos a coñecer perante os medios José Manuel Lage e Francisco Jorquera –portavoces do PSdeG e do BNG, respectivamente- e vanse traducir na creación do Consello Económico e Social, no traslado ao Pleno da Ordenanza do Galego e na constitución do Consello Municipal de Cultura. CES e CMC poríanse en marcha, de acordo coas previsións de ambos grupos, no primeiro semestre de 2021.

“Na Comisión de Seguimento”, explicitou Jorquera, “puxemos sobre a mesa cuestións que figuraban no acordo de investidura e que ao noso xuízo non se están a cumprir”. O BNG, esclareceu, é “crítico” con “moitos aspectos da xestión do Goberno Municipal”, mais a formación nacionalista entende que “a cidadanía demanda dos grupos que as diferenzas e o exercicio da crítica non impida chegar a acordos se estes son positivos para a cidade”.

O Consello Económico e Social

Primeiro acordo relevante alcanzado este martes. “A creación do Consello Económico e Social é unha aspiración de distintos axentes sociais da nosa cidade”, dixo Jorquera. O CES ten de ser “un marco de diálogo e consulta permanente cos axentes sociais para impulsar, en coordenación cos restantes concellos da área metropolitana e outras institucións, o deseño dunha estratexia económica de futuro para A Coruña e comarca”.

comisom seguimento 2

E na axenda do CES naturalmente debe figurar o propósito de repensar o modelo económico da cidade, sendo que a “hiper-especialización da Coruña” como urbe de servizos tense demostrado como unha “estratexia errónea” por lle ter virado as costas ao sector industrial “e a outras actividades produtivas que historicamente tiveron un enorme peso na economía da cidade, como todo o relacionado coa economía do mar”.

Perante o esgotamento do modelo da cidade de servizos, ao CES cábelle a tarefa de impulsar un Plan de Desenvolvemento Económico Comarcal “que promova a renovación, diversificación e modernización do noso tecido económico”.

“A elaboración e impulso deste plan concirne aos axentes sociais e tamén a outras administracións, mais compete ao Concello da Coruña xogar un papel indutor e asumir o liderado para impulsar este proceso”, engadiu Jorquera.

Ordenanza do galego

O segundo acordo atinxe á necesidade de lle dar traslado ao Pleno, á maior brevidade posíbel, dunha Ordenanza do Galego, unha norma que regule o uso da nosa lingua, para o potenciar, por parte da Administración local.

FJ

Cómpre pór fin a unha anomalía, a de A Coruña ser a única cidade galega que non conta cunha Ordenanza do Galego. Moitos concellos do País, “con gobernos de todas as cores políticas, téñena. “A Coruña non pode ser unha excepción. Esta foi a cidade que viu a nacer as Irmandades da Fala e nela ten a súa sede a Academia Galega. Como dicía Castelao, se aínda somos galegos e por obra e graza do idioma”, remarcou Jorquera. “A nosa maior creación cultural necesita dunha ordenanza que lle dea o impulso que necesita”, acrecentou.

Consello Municipal de Cultura

O terceiro dos acordos ten a ver cunha esfera da vida que non só “proporciona benestar inmaterial”, senón que tamén “é fonte de riqueza e emprego”. Con efecto, BNG e PSdeG conviñeron en impulsar a creación do Consello Municipal de Cultura, “un órgano de participación cidadá en que o tecido cultural poida dialogar e facer propostas directamente ao Goberno Municipal” e que “sexa consultado á hora de definir as bases das políticas culturais do Concello”.

“A Coruña reúne as características para ser a capital cultural de Galiza”, argüíu Jorquera, mais a situación decorrente da pandemia está a pór “nunha situación límite moitas empresas culturais e moitas traballadoras e traballadores” do sector.

É por isto que se torna máis urxente do que nunca “o impulso das políticas culturais por parte das administracións públicas”, un propósito que dotará do sentido o nacemento do CMC.

 

BNG e PSdeG acordan impulsar o Consello Económico e Social, a Ordenanza do Galego e o Consello Municipal de Cultura