MOCIÓN DE JORQUERA NO PLENO DO PRÓXIMO 10S

Salvemos 'O Orzán', supervivente da lendaria frota do Grande Sol, e tornémolo nun museo do mar e da pesca!

O Orzán
O Orzán
Non é un barco calquera. É pura historia. As súas cicatrices e engurras son a memoria dun tempo de esplendor, o da frota galega do Grande Sol, anos 50 e 60 do pasado século, cando Galiza tiña por volta de 300 navíos que faenaban naquelas augas, 200 deles co punto de atraque no porto da Coruña, que fixeron do noso país unha potencia mundial da pesca.
Salvemos 'O Orzán', supervivente da lendaria frota do Grande Sol, e tornémolo nun museo do mar e da pesca!

Pois ben, “O Orzán” está amarrado desde xa hai ben anos na Dársena de Oza e o seu destino, se non o remediarmos, será o despezamento, converterse en chatarra.O Orzán 3

Iso é precisamente o que tenta impedir o Bloque Nacionalista Galego cunha moción que vai defender Francisco Jorquera no Pleno do vindeiro xoves. Salvar “O Orzán”. Como? A iniciativa ten que partir do Goberno Local, que debe se dirixir aos propietarios do navío, á Autoridade Portuaria e a outras administracións, co propósito de alcanzar un acordo que abra paso á musealización, previa restauración, do “Orzán” e a súa exhibición nun peirao da cidade accesíbel á cidadanía.

Todo un supervivente dos momentos de maior esplendor da frota galega do Grande Sol, o destino que ten por diante, se non o remediarmos, é o de se converter en chatarra

“Este é un buque impoñente, todo un supervivente da grande frota coruñesa que faenaba no Grande Sol, este era o navío insignia daquela frota”, expón Francisco Jorquera. “Daqueles momentos de esplendor fica apenas a lembranza. Non nos resignamos a ver ‘O Orzán’ como a metáfora da historia de pesca na Coruña. Temos que salvar ‘O Orzán’ como símbolo dunha cidade que foi e é mar, dunha cidade que tivo e aínda ten a pesca como un motor económico estratéxico e elemento vertebrador da nosa identidade”, engade.

O Orzán 2

Difícil imaxinar un espazo mellor que ‘O Orzán’ para se tornar nun museo do mar e da pesca na Coruña. “Estamos a falar dun expoñente practicamente único de toda unha época, testemuño da nosa historia. Foi o primeiro arrastreiro construído en Galiza (en 1964) totalmente en aceiro con remaches de ferro, o primeiro tamén que substituíu a máquina de vapor por tecnoloxía diésel”, relata.

Jorquera pídelle nunha moción ao Goberno Local que abra negociacións cos propietarios do navío, a Autoridade Portuaria e outras administración para restaurar “O Orzán” e ubicalo nun peirao accesíbel a toda a cidadanía

Infelizmente esta xoia está moi deteriorada e precisa dunha intervención o máis axiña posíbel. “Non podemos permitir que desapareza. A Coruña non pode ignorar a súa historia vinculada á pesca. Somos mar. Sempre fomos. É por isto que lanzamos esta iniciativa: salvemos o Orzán, poñamos en valor a nosa pesca, a nosa cultura marítima. Rescatemos este barco, restaurémolo, tornémolo un museo e coloquémolo nun peirao accesíbel a toda a cidadanía”, conclúe.

Salvemos 'O Orzán', supervivente da lendaria frota do Grande Sol, e tornémolo nun museo do mar e da pesca!