O BNG presenta iniciativas a respecto do IES Monte das Moas para evitar o seu deterioro

Pingueiras dentro dunha aula no IES Monte das Moas
Pingueiras dentro dunha aula no IES Monte das Moas
O BNG presenta iniciativas a respecto do IES Monte das Moas para evitar o seu deterioro

Pingueiras dentro dunha aula no IES Monte das Moas

A Coruña, 13 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar distintas iniciativas, tanto no Concello da Coruña, como a través do Grupo Parlamentario na Cámara galega, para que se atendan as problemáticas que a comunidade escolar do IES Monte das Moas vén denunciando diante da Xefatura Provincial de Educación e que non foron atendidas.

E é que as nacionalistas se entrevistaron con representantes da ANPA no propio instituto e puideron comprobar de primeira man como as demandas están sobradamente xustificadas e requiren dunha solución inmediata, xa que logo, o deterioro do centro pode chegar a provocar que no futuro as instalacións non poidan ser recuperábeis.

O Grupo Municipal do BNG recolle as demandas da comunidade escolar do IES Monte das Moas e trasládallelas tanto ao Concello como ao Parlamento a través de distintas iniciativas

Pingueiras a traves da tubaxe no corredor de acceso á cafetaría do centro

Así, o BNG sinala que a comunidade escolar, durante o outono e inverno pasados, informaron á Xefatura Provincial de constantes filtracións de auga a través do tellado. Estas filtracións afectan a corredores, aulas e despachos, abríndose múltiples pingueiras que provocan o asolagado dos andares e dos pisos. “Esta situación está dando lugar na actualidade a situacións que incluso poden chegar a resultar potencialmente perigosas para o alumnado, persoal docente e persoal administrativo e laboral que de cotío están no centro, isto é case 600 persoas, 526 correspondente a alumnado e máis de 70 correspondente ao persoal funcionariado e laboral que desenvolve o seu traballo nas instalacións e persoas membros da ANPA”, denuncian as nacionalistas.

As representantes do Grupo Municipal do BNG puideron comprobar como as pingueiras non son illadas e afectan ao corredor principal, en diversas zonas e con distintas intensidades, nalgún momento con auténticas riadas que asemella que está chovendo dentro do propio centro, a varias aulas, entre elas a aula número 22, o que provocou o malfuncionamento de instalacións eléctricas, inhabilitando, un foco de tubos de neon, e que na actualidade amosa o seu cableado ao aire, ou a aula 24, que filtra a través do seu teito, e de varías vías na súa parede posterior, a auga, ou mesmo a aula de titorías da planta superior, que ten na actualidade toda a pintura da parede desconchada e deteriorada, cun evidente grao de humidade que impide o emprego da aula cun mínimo de condicións, e que pola súa parte exterior, que dá ao descanso de acceso á cafetaría, ten canalizada a tubaxe da calefacción, provocando a acumulación de oxido e o seu deterioro.

O BNG presenta iniciativas para a reparación do tellado e das constantes pingueiras que hai dentro do centro e que están provocando o deterioro das instalacións, sobre a adaptación do centro á Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade, e para a reparación do valado perimetral exterior

Acceso ao IES Monte das Moas desde a rúa que dá nome ao centro

Por outra banda, tamén as nacionalistas recolleron as denuncias da comunidade escolar a respecto das limitacións de acceso ás instalacións do centro. Deste xeito, desde hai varios anos veñen de reclamar diante da Xunta de Galiza a adaptación do Instituto a criterios de accesibilidade, coa perspectiva de adaptación aos criterios que se esixen na Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade e no Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, chegando incluso a realizar no seu momento un estudo para a implantación de elevadores no interior das instalacións educativas desbotando finalmente a proposta polo elevado custe de mantemento que se require e que hipotecaría o orzamento do centro.

“As instalación do propio centro están divididas en dous andares e un semiandar, onde esta situada a porta principal de acceso ao recinto educativo, e todos eles comunicados mediante escaleiras, que impiden ás persoas con mobilidade reducida e con diversidade funcional o acceso ás distintas aulas e despachos, polo que cumpre realizar as obras necesarias para a súa adaptación” sinalan Avia Veira.

As nacionalistas entrevistáronse coa comunidade escolar no propio instituto onde puideron observar de primeira man as deficiencias que denuncian

Parte do valado perimetral  do IES Monte das Moas que está caído

“Asemade, o acceso desde a entrada de vehículos desde o exterior, desde a rúa Monte das Moas, dá pé o andar máis inferior de todos, polo que calquera persoa con diversidade funcional tampouco pode acceder a outras instalacións que non sexan as que se sitúan nesa planta inferior, e incluso a rampla de acceso desde o aparcamento tampouco reúne as condición mínimas requiridas para poder ser empregada por persoas con algún tipo de discapacidade. De todas estas situacións ten coñecemento a Xunta de Galiza, sobre todo pola circunstancia de atoparse na actualidade unha alumna cunha incapacidade temporal que lle obriga ao emprego dunha cadeira de rodas e que só pode acceder ás instalacións do centro desde o acceso para vehículos, e unha vez dentro del, a permanecer no andar inferior xa que non pode desprazarse aos andares superiores. Preguntámonos por que a Consellaría de Educación non realiza ningunha actuación para solucionar esta situación”, continua a concelleira nacionalista.

Por último o Grupo Municipal do BNG presentou un rogo para a reparación do valado perimetral exterior do recinto educativo que na actualidade presenta un estado de deterioro moi significado, con varias zonas tiradas, ademais de solicitar unha urxente roza e mantemento toda a contorna vexetal, e onde se atopa unha árbore caída, co evidente perigo que isto supón.

O BNG presenta iniciativas a respecto do IES Monte das Moas para evitar o seu deterioro