O BNG levará a pleno as demandas da AVV de Novo Mesoiro

O BNG levará a pleno as demandas da AVV de Novo Mesoiro

A Coruña, 26 de novembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG anuncia que presentará unha iniciativa no pleno ordinario de decembro a instancias da Asociación de Veciños e Veciñas de Novo Mesoiro, que solicita, entre outras cuestións, a ampliación do centro cívico e a construcción dunha biblioteca e dun complexo educativo que responda ás necesidades deste barrio que conta con máis de 10.000 habitantes.

Así, a petición da entidade veciñal, as nacionalistas reclamarán que se dote dun maior espazo o centro cívico, dun maior número de actividades e unha ampliación do horario. E é que a día de hoxe o servizo que presta o centro cívico é insuficiente para a cantidade de veciños e veciñas cos que conta Novo Mesoiro.

No que respecta á biblioteca, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a máis próxima ao barrio, a González Garcés, está a máis de 5km, o que dificulta o acceso das persoas que viven en Novo Mesoiro ao empréstito e consulta de libros e ás actividades que realizan as bibliotecas. Lembran as nacionalistas que o balance do Goberno do Sr. Negreira en materia de bibliotecas é nefasto: en tres anos e medio non construíu ningún novo equipamento e, para máis, tratou de pechar a biblioteca veciñal de Monte Alto.

No que ten a ver co complexo educativo, as nacionalistas pediranlle ao Goberno do Sr. Negreira que emprace a Xunta de Galiza a construír un centro educativo que satisfaga as necesidades educativas do barrio. Mentres non se constrúa o complexo, as nacionalistas instarán o Goberno local a cubrir o patio do actual centro.

O BNG levará a pleno as demandas da AVV de Novo Mesoiro