O BNG interésase pola análise e diagnóstico de mobilidade na cidade e na comarca

O BNG interésase pola análise e diagnóstico de mobilidade na cidade e na comarca

A Coruña, 16 de setembro de 2013.- Co gallo da Semana Europea da Mobilidade o BNG agarda que o Concello aproveite para presentar á cidadanía a análise e diagnóstico da situación da mobilidade na Coruña e na súa área metropolitana, documento que deber formar parte do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel que se está a elaborar. E é que segundo o prego de prescricións técnicas para a contratación da elaboración do PMUS, trazábanse dous meses (e xa vai cumprir seis meses), contados a partir da subscrición do contrato, que foi o 21 de marzo, para que as empresas adxudicatarias, unión das empresas EPTISA e INECO, entregasen a análise e diagnóstico da situación (FASE1), documentación importante para a información e participación da cidadanía e as entidades da cidade na elaboración do plan.

O documento de análise e o diagnóstico é fundamental para definir, sustentar e xustificar a escolla de solucións a implementar e debe incluír como mínimo, segundo os pregos, o diagnóstico do transporte público, tráfico privado, usos do chan, sistemas viarios, aparcadoiros, seguranza vial, aspectos medioambientais e enerxéticos, accesibilidade e xestión tecnolóxica e de coñecemento.

Iniciativa sobre mobilidade en bicicleta

A concelleira nacionalista, Ermitas Valencia, presentará estes días unha nova iniciativa sobre o fomento da mobilidade en bicicleta na nosa cidade. Así no convencemento de que a bicicleta ten que ter unha maior importancia nas políticas de mobilidade do Goberno municipal, a concelleira nacionalista pregunta sobre a instalación de soportes exteriores, ou doutro tipo, nos autobuses urbanos para promover a conxugación dos transportes públicos co uso da bicicleta. Alén diso, pregunta polo bicicletarios en determinados espazos da cidade para asegurar a intermodalidade cos buses urbanos e interurbanos e o tren.

A nacionalista porfía tamén, ao non obter resposta na súa última iniciativa, polas campañas de sensibilización do Goberno para que se adquiran hábitos de desprazamento en bicicleta e de dinamización do seu uso, así como se se está a colaborar e compartir información con entidades e colectivos da cidade que tentan promover o uso deste medio de transporte. Tamén se interesa pola disponibilidade de mapas físicos cos puntos onde hai puntos de préstamo de bicicletas de uso público, así como rutas e opcións para as persoas que se moven en bicicleta pola cidade.

Ermitas Valencia reivindica a dinamización, por parte do Goberno do Sr. Negreira, dunha mobilidade sustentábel que prime os medios de transporte alternativos, como a propia bicicleta, a marcha a pé, o tren de proximidade ou o transporte marítimo. A edila do BNG considera que o Goberno municipal debe traballar porque a bicicleta teña un papel central na mobilidade das persoas, como acontece en países coma Holanda, Dinamarca ou Alemaña, que, con condicións meteorolóxicas máis extremas que as nosas, acadan cifras de viaxes en bici que centuplican as da nosa cidade.

O BNG interésase pola análise e diagnóstico de mobilidade na cidade e na comarca