Un depósito ilegal de entullos perto do Castro de Elviña

O grupo municipal do BNG soubo da existencia dun depósito ilegal de entullos e refugallos moi próximo, a apenas 400 metros, do Castro de Elviña e de cursos fluviais que conflúen no rego de Campos, afluente do Río Mesoiro. 
Un depósito ilegal de entullos perto do Castro de Elviña

O depósito ameaza con deteriorar aínda máis o estado en que se acha o Castro de Elviña, un Ben de Interese Cultural declarado tamén como Monumento Histórico-Artístico Estatal, o que leva o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a formular unha pregunta por escrito ao Goberno Local.

Os refugallos estanse a depositar en terreos do Ministerio de Fomento nas inmediacións da AC-14, onde no seu momento ía construírse o Centro de Conservación e Explotación de Estradas do sector C-3 na autovía AC-14, e aparentemente proveñen, apunta Jorquera na súa iniciativa, “de actuacións de limpeza e acondicionamento nas marxes da conexión entre a AC-14 e o Aeroporto de Alvedro, no termo municipal de Culleredo”.

Depósito de Entullos e Refugallos (2) perto do Castro de ElviñaA zona é sensíbel non só pola proximidade do Castro de Elviña senón polo seu valor ambiental e paisaxístico, con cursos fluviais que constitúen un hábitat natural cunha rica fauna (píntegas, víboras, aves e pequenos animais mamíferos) que xa se viu moi afectado pola construción da AC-14 e a V-14.

Jorquera inquire ao executivo coruñés se é coñecedor da existencia deste depósito ilegal e se é consciente da afectación que poden sufrir quer o castro quer o hábitat natural.

O portavoz nacionalista pregunta que pensa facer o goberno local para retirar o depósito e se pensa adoptar medidas sancionadoras.

Por último, Jorquera interésase por saber “que novas políticas ten pensado desenvolver durante este mandato o executivo local a respecto do Castro de Elviña”.