O BNG denuncia as contradicións do Goberno local en relación á retirada da bandeira azul de Oza

O BNG denuncia as contradicións do Goberno local en relación á retirada da bandeira azul de Oza

A Coruña, 2 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon en evidencia as contradicións do Goberno do Sr. Negreira en relación á retirada da bandeira azul da praia de Oza. Así, mentres o alcalde declaraba antes os medios de comunicación que “a praia de Oza tivo sempre un nivel excelente de baño” e que a súa calidade a día de hoxe era “de excelencia”, en resposta a unha pregunta escrita do BNG, o Goberno municipal sinala que a calidade das augas de baño “pasou de “Excelente a Boa, nun dos dous parámetros esixidos polo RD 1341/2007”. Porén, o Goberno do Sr. Negreira elude explicar cal é ese parámetro que non se cumpre e non responde á pregunta do BNG sobre as circunstancias que causaron a retirada da bandeira azul.

Así, o Goberno municipal limítase a indicar na resposta que “investigará para tratar de descubrir cales foron as razóns que motivaron este feito, e así poñer os medios oportunos para a súa emenda” e segue sen facer público o informe que determinou esta baixada de calidade ambiental da auga do areal de Oza. Anteriormente, en declaracións aos medios, o alcalde responsabilizaba da retirada da bandeira azul a “casos coxunturais”.

Ante o escurantismo do Goberno do Sr. Negreira, o Grupo Municipal do BNG segue a preguntarse se a retirada da bandeira azul se debe á contaminación da ría do Burgo, onde está inserida esta praia; se ten a ver coa falta de solucións para a desembocadura do río Monelos; se pode deberse á balsa de lodos enterrada baixo o Marina Seca ou se se debe ás descargas de carbón no porto da Coruña.

O BNG denuncia as contradicións do Goberno local en relación á retirada da bandeira azul de Oza