A mobilidade como dereito e non como negocio

Jorquera e Veira
Jorquera e Veira

Avia Veira critica a presenza nos stands do Obelisco de empresas dos sectores automobilístico e petroleiro e defende que as políticas de mobilidade se acorden non coas grandes compañías, senón en interlocución “co rico tecido asociativo da cidade”

 

A mobilidade como dereito e non como negocio

A mobilidade debe ser vista “como un dereito das veciñas e dos veciños” e non como “un negocio”, afirmou este martes 17 de setembro en rolda de prensa o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera. As políticas de mobilidade deben comezar a mudar “xa no primeiro ano do mandato”, defendeu Avia Veira. As nacionalistas compareceron perante os medios para dar a coñecer as súas alternativas en plena semana europea da mobilidade.

Jorquera precisou que o pear básico sobre o que se debe construír a política de mobilidade é, a xuízo da formación nacionalista, “a preeminencia do transporte público”. No caso da Coruña iso pasaría necesariamente “pola recuperación do carril bus” e por estudar, durante este mandato, a hipótese de introducir a xestión directa por parte do concello, tal e como, polo demais, figura no acordo de investidura asinado por BNG e PSOE.

20190917_103208En concreto, o acordo suscrito por nacionalistas e socialistas que viabilizou a investidura de Inés Rey marca como liña a seguir darlle prioridade, xa no primeiro ano de mandato, a actuacións como a regulacións dos VMP –“o concello anuncia agora que o vai facer cos patinetes eléctricos”, dixo Avia Veira- e singularmente a mellora do servizo de autobuses. “Cómpre intensificar as frecuencias, modificar o mapa de liñas, recuperar o carril bus e ampliar o horario dos servizos”, pormenorizou Jorquera.

E todo iso cun propósito: pór o peón por cima dos automóbeis, remarcou Veira. E cun modelo na cabeza das nacionalistas: Pontevedra, “a demostración de que se pode humanizar as cidades”, dixo a concelleira.

Veira criticou tamén a presenza nos stands dispostos polo concello na zona do Obelisco de grandes corporacións do sector automobilístico ou petroleiro, como Repsol ou Lexus. Non deben ser eses axentes os interlocutores do concello á hora de planificar as políticas de mobilidade e si “o rico tecido asociativo da cidade”, defendeu Veira. “As políticas de mobilidade só son posíbeis desde a independencia a respecto das grandes empresas e en interlocución directa coas veciñas e os veciños. Iso é o que nos ensina o modelo Pontevedra”, concluíu a concelleira.