O BNG chama a facerlle fronte á ofensiva patriarcal do PP contra as mozas de 16 e 17 anos

O BNG chama a facerlle fronte á ofensiva patriarcal do PP contra as mozas de 16 e 17 anos

cartaz-abortoA Coruña, 23 de febreiro de 2015- O BNG da comarca da Coruña chama a facerlle fronte á ofensiva patriarcal do Partido Popular, que agora pretende someter as mozas de 16 e 17 anos que decidan abortar ao consentimento materno/paterno. Deste xeito, impídeselles as mozas de 16 e 17 anos a decidir sobre os seus propios corpos e empúrraselles á clandestinidade para poder abortar, sen condicións sanitarias e poñendo en perigo vida e dignidade. Así, as nacionalistas participarán na concentración convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto para esta tarde, ás 20h, diante da sede do PP, despois de que o Partido Popular presentara a proposición de lei de reforma do aborto.

Para o BNG a proposición de lei presentada polo PP no Congreso é innecesaria, pois só obedece a criterios ideolóxicos e está concibida para que os pais e nais poidan obrigar as mulleres de 16 e 17 anos a teren unha crianza non desexada. Lembra o Bloque ao respecto que na lei vixente xa se inclúe o coñecemento da situación por parte dos titores legais, pero nos casos nos que as relacións familiares son conflitivas ou problemáticas, que impiden as normais relacións paterno-filiais, a lei garántelles ás menores o seu dereito a interromper os embarazos, sempre que conten co correspondente Informe dos Servizos Sociais.

Dani Carballada e David Neira, en arresto domiciliario por realizaren un mural contra a lei do aborto de Gallardón

Pola outra banda, o BNG da comarca da Coruña lamenta que non poidan participar na concentración desta tarde nin Dani Carballada, concelleiro do BNG en Cambre, nin o militante nacionalista David Neira, pois atópanse en arresto domiciliario por realizaren unha pintada nun muro de contención da N-VI á altura da glorieta do Seixal co fin de reinvindicaren o dereito das mulleres a decidiren cando ser nais.

O BNG chama a facerlle fronte á ofensiva patriarcal do PP contra as mozas de 16 e 17 anos