O BNG avalía como "positivo" o primeiro encontro co PSOE para falar dos orzamentos

A primeira reunión do BNG e o PSOE para avanzaren na negociación dos orzamentos 2020 desenvolveuse nun “clima positivo”, dixo aos medios o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.
O BNG avalía como "positivo" o primeiro encontro co PSOE para falar dos orzamentos

“Acordamos seguir negociando ao longo deste mes. É moi importante que a comezos de 2020 haxa novos orzamentos e que a cidade non se vexa obrigada a funcionar como agora, con contas prorrogadas”, engadiu Jorquera, quen fixo parte —canda a concelleira Avia Veira e o responsábel de Organización do BNG da Coruña Fran Rei— da equipa negociadora do Bloque neste primeiro encontro co PSOE.

Na reunión, o BNG trasladou ao grupo municipal socialista cales son as “prioridades” que a xuízo da formación nacionalista deben ser tidas en conta á hora de elaborar os orzamentos. As contas do concello, destacou Jorquera, deben ser “unha ferramenta” para contribuír “á dinamización da economía e á creación de emprego”, alén de constituíren unha “aposta decidida a prol da rexeneración urbana, as políticas sociais e as políticas de mobilidade”.

“E se falamos de políticas sociais, hai un problema de primeira orde enriba da mesa, a non garantía do dereito ao acceso a unha vivenda digna”, indicou o portavoz nacionalista, para quen “é necesario desde o concello impulsar programas ambiciosos como, por exemplo, incrementar substancialmente o parque de vivendas municipal destinado ao aluguer social”.

As políticas sociais teñen que ter tradución orzamentaria e deben plasmarse —como xa pactou o BNG co PSOE no Acordo de Investidura—nun Plano de Inclusión Social que faga unha diagnose de que recursos públicos hai que mobilizar para combater a pobreza e a exclusión. “Hai que reformar e mellorar a renda social municipal e as axudas de emerxencia”, indicou Jorquera.

As políticas sociais teñen que ter tradución orzamentaria e deben plasmarse —como xa pactou o BNG co PSOE no Acordo de Investidura—nun Plano de Inclusión Social

As politicas de igualdade están tamén entre as prioridades do Bloque. “Necesariamente teñen que ser transversais e estaren presentes en toda acción política”, dixo o portavoz da formación soberanista e a seguir lembrou que na recente comisión de seguimento do Acordo de Investidura nacionalistas e socialistas “chegamos a compromisos concretos”, en alusión á potenciación do servizo de canguraxe e á necesaria mellora da dotación orzamentaria da Casa de Acollida das mulleres vítimas da violencia machista.

Os orzamentos deben tamén recoller partidas que permitan dar pasos adiante nas políticas de mobilidade e nese sentido Jorquera reiterou a aposta do BNG na reimplantación do carril bus ou na extensión das áreas peonís.
Do mesmo xeito, as contas teñen que reflectir “un compromiso claro e inequívoco” coa normalización lingüística e coa cultura do país á hora de “dar apoio a todo o traballo de creación e de divulgación cultural que se produce nesta cidade”.