O ACORDO RECOLLE AS NOSAS PROPOSTAS E AS ACHEGAS QUE NOS FIXERON OS COLECTIVOS AFECTADOS

O BNG acorda con PSdeG e Marea eximir de taxas a hostelaría, o comercio e as actividades culturais

Jorquera asina o Acordo
Jorquera asina o Acordo
Os portavoces dos grupos municipais de BNG, PSdeG e a Marea Atlántica –Francisco Jorquera, José Manuel Lage e María García- asinaron esta maña un “Acordo sobre as Ordenanzas Fiscais do Concello da Coruña” que recolle as propostas da formación nacionalista e tamén boa parte das achegas que a esta lle trasladaron o colectivo de hosteleiras e hosteleiros co que mantivo un encontro en María Pita o pasado luns.
O BNG acorda con PSdeG e Marea eximir de taxas a hostelaría, o comercio e as actividades culturais

Jorquera, Lage e García deron a coñecer o Acordo á prensa, nun acto no Salón Azul do Pazo de María Pita, poucos minutos antes de comezar o Pleno Extraordinario convocado a pedimento do PP para debater a modificación das Ordenanzas Fiscais.

“Sentímonos compracidos de que tivese sido posíbel este acordo”, dixo Jorquera, quen o contrapuxo “ás propostas de demagoxia fiscal do PP”. “Este é un acordo serio”, dixo, “e marca unha liña a seguir, a que necesitan os sectores máis castigados pola pandemia”.

Congratulouse o voceiro nacionalista de que o Acordo “recolla as propostas que puxo o BNG sobre a mesa”, produto tamén do diálogo con representantes do colectivo de hosteleiras e hosteleiros.

“As exencións fiscais son moi necesarias, mais loxicamente teñen que ser proporcionadas e asumindo cada Administración a competencia que ten. Non pode ser que o PP lle pida ao Concello facer o que logo el non fai á fronte da Xunta da Galiza. Iso é pura demagoxia fiscal”, remarcou.

Son necesarias as bonificacións fiscais, mais tamén as axudas directas e para iso é básico que a Facenda local teña recursos suficientes primeiro para desenvolver até o final as previsións do PRESCO 2020 –o BNG ten denunciado a lentitude na súa tramitación que fai que moitas persoas non se podan ter aínda beneficiado del- e segundo para dotar o PRESCO 2021.

OS CONTIDOS DO ACORDO

O Acordo contempla, tal e como propuña o BNG na súa emenda á proposta de resolución levada polo PP ao Pleno, que se exima do 100% das taxas (lixo, auga e depuración) aos locais e negocios durante o período en que eventualmente se vexan obrigados a ficaren fechados a causa da pandemia.

Tamén en virtude do Acordo o Goberno Local comprométese a establecer unha redución do 50 por cento, isto é, unha cota reducida, para “autónomos, micropemes e pemes nos restantes períodos de 2021 onde a Xunta como autoridade sanitaria decrete fechamentos ou restricións parciais”.

Asinatura Acordo Fiscal

De resto, os grupos asinantes concordan en que o Goberno Local axilizará a execución das liñas de axuda do PRESCO actualmente vixente e iniciarán “de inmediato”, e en diálogo cos sectores afectados, os traballos para dotar o Concello dun PRESCO 2021.

A constitución dunha Mesa de Diálogo (grupos municipais, hostalaría, comercio) para avaliar o desenvolvemento do PRESCO e o establecemento, xa no horizonte da modificación das Ordenanzas Fiscais para 2022, dunha bonificación de 50% na tarifa para núcleos familiares monoparentais completan os puntos do Acordo.

PLENO EXTRAORDINARIO

Xa no Salón de Plenos, Francisco Jorquera inscribiu o Acordo nas coordenadas da ampla “maioría progresista e galeguista” saída das urnas en maio de 2019. “Humildemente o noso labor nesta cámara municipal é influír para que as políticas que se fagan sexan congruentes coa maioría social progresista e galeguista, nacionalista, que hai na nosa cidade”, dixo.

“Fronte á demagoxia fiscal dun PP que lle pide ao Concello que faga o que non fai el na Xunta da Galiza, este é un acordo serio e marca unha liña a seguir, a que necesitan os sectores máis castigados pola pandemia”, di Francisco Jorquera

Fixo votos Jorquera por que os compromisos asinados por BNG, PSdeG e a Marea representen un retorno á senda que no seu momento propiciou o Acordo de Investidura de xuño de 2019 porque, argumentou, iso é o que tamén agarda a maioría social da cidade.

Mais esa vocación por pular por políticas progresistas e galeguistas non significa, díxolle Jorquera á portavoz do PP, Rosa Gallego, ningunha intención de “excluír ninguén” á hora de manter diálogos no seo da Corporación municipal.

Á conclusión do debate, o BNG votou en contra das propostas fiscais elevadas ao Pleno polo grupo municipal do PP, rexeitadas ao só contar cos votos propios e colleitar tamén a oposición do PSdeG e a abstención da Marea Atlántica e da concelleira non adscrita Isabel Faraldo.

  

O BNG acorda con PSdeG e Marea eximir de taxas a hostelaría, o comercio e as actividades culturais