O BNG advirte de que a Dirección Xeral do Catastro sinala que A Coruña é a cidade co IBI máis caro

O BNG advirte de que a Dirección Xeral do Catastro sinala que A Coruña é a cidade co IBI máis caro

A Coruña, 18 de novembro de 2013.- No punto da orde do día da sesión plenaria relativo ás preguntas orais, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que o BNG, xa no anterior pleno, emprazara o Goberno do Sr. Negreira a estudar o proxecto de lei de medidas en materia de fiscalidade medioambiental e adopta outras medidas tributarias e financeiras, ao entender que a súa entrada en vigor podería supoñer un encarecemento do IBI. E lembrou que o BNG tamén llo pediu por escrito días despois do pleno en cuestión.

“Entendíamos que o único xeito de garantir que o IBI non medre no 2014 pasaba por incoar de inmediato unha modificación da ordenanza fiscal do IBI actualmente en vigor, deixando o tipo impositivo anterior, é dicir, o 0,5454%, modificación que xa se estaba a facer noutros Concellos do Estado (Colmenar ou Getafe) Deste xeito, unha vez entrase en vigor a normativa en trámite, o tipo impositivo a aplicar sería o 0,60% e non o 0,66%”, apuntou Carril na súa intervención.

O portavoz do BNG sinalou que o pasado 30 de outubro saíu publicado no BOE a citada lei e advertiu de que no seu artigo 8 se dispón que “con efectos para os períodos impositivos que se inicien no 2014 e no 2015, os tipos de gravame do IBI resultarán incrementados no 10%, non puidendo resultar o tipo de gravame mínimo e supletorio inferior ao 0,6%”. “De modo que, no caso da Coruña, o incremento é do 10% respecto do tipo impositivo estabelecido na nosa ordenanza, que é de 0,60%”, apuntou Carril. O nacionalista explicou que “se non modificasen a ordenanza do 2012 (a que ten efectos no 2013), o tipo impositivo do IBI subiría no 2014 ao 0,60%. Pero, ao terse fixado anteriormente un tipo no 0,60%, hai que aplicar o incremento do 10% sobre este 0,60% e non sobre o 0,5454% anterior”. “Faise necesario modificar a nosa ordenanza do IBI, porque, de non facerse agora, o tipo impositivo para o ano 2014 debería ser do 0,66%”, alertou Carril.

O concelleiro do BNG ironizou coa esperada resposta do Partido Popular: “esperemos que o Goberno do Sr. Negreira non nos diga que o IBI-urbano coruñés é o máis baixo en comparación con outras cidades galegas, porque non é certo”. “E non o é polo menos para a Dirección General de Catastro, que acaba de facer públicos os datos das variábeis tributarias de cada Concello no ano 2012 á hora de cobrar o catastro de urbana (o IBI)”, afirmou.

Carril advertiu de que, segundo estes datos, a cidade galega co recibo do IBI máis caro é A Coruña. “A razón é evidente: aínda que a cidade da Coruña ten un tipo impositivo menor, o valor catastral é o máis elevado, que é o que fai subir o recibo”, salientou. Explicou que “unha cousa é o tipo impositivo e outra distinta é o valor catastral” Así, insistiu en que o tipo impositivo é dos menores na Coruña, pero a base liquidábel a que se lle aplica este tipo impositivo é maior na Coruña, porque a ponencia de valores é máis recente. En conclusión, puxo de manifesto que o que se paga na Coruña (a cota liquida) é maior. “E non son datos do BNG, son os da Dirección General de Catastro para o 2012”, engadiu.

Avia Veira repróchalle ao PP que manteña no abandono os sectores produtivos cando foron destruídos 8.000 postos de traballo no último trimestre

Pola súa banda, a concelleira do BNG Avia Veira, que lle pediu o PP que valorase os datos do paro que apuntan a unha destrución de perto de 8.000 postos de traballo na cidade no último trimestre, apuntou que “o problema das cifras do desemprego son as vidas e dramas familiares que hai detrás, o problema destas cifras é que nesta cidade non hai un goberno que teña como prioridade absoluta a creación de emprego e a reactivación económica”, espetoulle ao PP.

Así, a concelleira nacionalista reprochoulle ao PP que manteña no abandono os sectores produtivos e reivindicou os recursos dos que dispón a cidade para poder crear postos de traballo e de calidade. “A cuestión está en crer ou non no noso, no noso mar, no noso porto, na nosa industria ou na nosa universidade”, sinalou.

A continuación, Avia Veira aludiu aos orzamentos da Concellaría de Emprego, Empresa, Comercio e Turimo para o 2014. “O PP ten claras as súas prioridades: primeiro o turismo e logo os estudos e traballos técnicos e outros traballos realizados por outro empresas e profesionais”, afirmou. “É dicir, o PP gasta os cartos dos coruñeses e coruñesas para que veñan asesoralos e dicirlles o que teñen que facer dada a súa falta de ideas”, denunciou a concelleira do BNG, quen lembrou que os proxectos novos orzamento desta Concellaría representan tan só o 1,63% do total deste departamento.

“Non se poden excusar na falta de competencias: porque vostedes teñen o poder desde o goberno do Estado, ao goberno da cidade pasando polo da Xunta”, salientou. “Tiñan na súa man priorizar os investimentos do Estado na cidade no dragado e rexeneración da ría do Burgo para crear postos de traballo no mar, ou dotar a conexión ferroviaria co porto exterior cunha cantidade digna para darlle o impulso indispensábel a esta infraestrutura, ou coordinar un plan de desenvolvemento industrial e un plan de acción do sector pesqueiro para a nosa comarca en colaboración co Estado e coa Xunta de Galiza... mais néganse, e non se trata dunha cuestión de competencias senón do seu modelo económico”, advertiu Avia Veira.

Por último, acusou o PP de dicir que non hai cartos “mentres vemos que a Igrexa católica, a Casa Real e o Exército seguen a levarse millóns e millóns de euros nos orzamentos do estado”, criticou. “Tamén poderían pagar máis os que máis teñen, podía crearse un imposto sobre as grandes fortunas, podería crearse unha fiscalidade progresiva, poderían reformarse as SICAV...”.

O BNG advirte de que a Dirección Xeral do Catastro sinala que A Coruña é a cidade co IBI máis caro