Por que o BNG se abstivo na votación dos orzamentos?

Avia Veira, no pleno de este luns.
Avia Veira, no pleno de este luns.

Máis alá de titulares de prensa ou laios da concelleira de Facenda sobre quen fai e quen non fai electoralismo nestes días convulsos na corporación, volvemos expoñer aquí os argumentos que Avia Veira deu onte no pleno e cada día que os medios de comunicación nos preguntan.

Por que o BNG se abstivo na votación dos orzamentos?

“Son uns orzamentos que resumen os incumprimentos da Marea e certifican a súa renuncia a un cambio real”, resumiu a concelleira nacionalista no pleno de onte en María Pita diante da responsábel das contas e do alcalde, que permaneceu calado.

“Esperamos que no modificativo o goberno actúe coa dilixencia que non tivo até agora”, advertiu esta mañá Avia Veira nun debate en Onda Cero.

 

A crítica

Veira foi moi crítica cos orzamentos na análise que fixo durante o pleno. Mesmo preguntou por diferentes partidas concretas [plan industrial, bolsa de locais comerciais, gasto de Participación Cidadá en máis ferramentas virtuais, pagos á Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona, investimentos a cargo do Concello que debería asumir a empresa que ten a concesión de parques e xardíns...]. Ningunha obtivo resposta por parte de Eugenia Vieito, responsábel de Facenda nin por parte de ningún concelleiro.

O BNG abstívose, explicou Veira, porque considera que os orzamentos "teñen carencias". "Non nos gustan: polas carencias, porque se fixeron ás présas e sen abrir ningunha negociación", indicou antes de reiterar a disposición do BNG a acordos, constante neste mandato. "Abstémonos porque entendemos que sempre queda a opción que, de pasar a aprobación inicial, poderiamos facer achegas ás contas”.

Durante o pleno, Veira tamén respondeu a acusación da bancada popular. "Non veña aquí darnos leccións de moral ou de dobre moral", díxolle a voceira Rosa Gallego. "O BNG mantén unha liña coherente e sempre, sempre, sempre estivo disposto a falar, negociar e facer achegas ás contas municipais". Veira referiuse esta mañá en Onda Cero ás acusación de "electoralismo" coa que a concelleira de Facenda cualificou a postura do BNG: "Non é electoralismo, tivemos a mesma actitude no 2016, no 2017 e no 2018, a de negociar e facer achegas. Non é electorialismo, é coherencia. A coherencia é non renunciar aos principios, pero ser quen de falar e chegar a acordos".

 

A solución

A solución do modificativo de crédito foi apuntada pola portavoz nacionalista durante a súa intervención no pleno. Esta mañá, o PP, que dispón do número de concelleiros para facelo, forzou á convocatoria dun novo pleno para que se trate este asunto. Inmediatamente, o BNG reiterou a súa apelación ao goberno municipal para que “se a poña a traballar desde hoxe mesmo” na elaboración dun modificativo de crédito aos orzamentos prorrogados “e abrir canto antes unha negociación co resto dos grupos”. 

Nese texto no texto deben quedar recollidos “os convenios coas entidades sociais, socio-sanitarias, ANPAS e clubs deportivos, entre outros, dos que non só dependen empregos e posibilidades de conciliación de nais e pais na cidade, senón, sobre todo, a cobertura de necesidades básicas e urxentes”, advertiu o BNG nun comunicado.