A Banda Municipal de Música, a prórroga á Cía. de Tranvías e a Consulta Popular a debate o luns

Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación
Foto do salón de Plenos do Concello da Coruña no momento dunha votación

Preguntaremos en Pleno pola situación da Banda Municipal de Música tras as denuncias realizadas por esta antes da súa actuación do 15 de xuño

Tamén trasladaremos como preguntas orais a debate do Pleno deste vindeiro luns a prórroga da concesión á Compañía de Tranvías e a situación actual e as tramitacións realizadas a respecto do cumprimento do acordo polo que o Concello da Coruña ten que convocar a Consulta Popular sobre os terreos do Porto

A Banda Municipal de Música, a prórroga á Cía. de Tranvías e a Consulta Popular a debate o luns

Xa presentamos as que serán as nosas preguntas para resposta oral para o vindeiro Pleno ordinario que se vai celebrar o próximo luns día 3.

Desta volta, trasladamos, en primeiro lugar, unha pregunta a respecto da situación da Banda Municipal de Música tras as denuncias efectuadas por esta previa a actuación que desenvolveu o pasado 15 de xuño na praza das Bárbaras.

Nun vídeo, colgado nas redes sociais (podes acceder premendo aquí), descríbese detalladamente como a banda Municipal ven desenvolvendo a súa actividade a pesar dunha serie de carencias e de deficiencias e que provoca, segundo as propias musicas e músicos, á perda de calidade nas súas actuacións, e mesmo un cumprimento do seu labor de xeito incompleto e deficiente. Estas carencias, tanto de persoal como de materiais, coincide ademais coa proximidade do 70 aniversario do nacemento desta Banda, polo que esixiremos do Goberno municipal as explicacións oportunas do por que non se están a cubrir as vacantes producidas así como a reposición dos instrumentos.

En segundo lugar, volveremos a inquirir do Goberno municipal explicacións a respecto da prórroga do servizo de transporte urbano executada a favor da Compañía de Tranvías.

Un dos autobuses da Compañía de Tranvías

Neste sentido, queremos que o alcalde Xulio Ferreiro aclare as súas declaracións nas que supeditaba unha posíbel prórroga até o 2024 e incluso unha nova concesión á Compañía de Tranvías en base a unha redución do prezo do billete de bus.

Xa cualificamos como escandalosas estas declaracións (preme aquí para acceder ás nosas valoracións), e lembramos que é algo público e notorio, especialmente para aquelas persoas usuarias frecuentes do transporte na nosa cidade, que o bus ademais de caro, é ineficiente, que actualmente non serve para conectar os barrios da cidade, nin cos polígonos industriais, nin cos centros sanitarios, e ten máis que abandonadas as zonas máis periféricas da cidade, entre outras cuestións, asemade de entender que a premisa de Xulio Ferreiro, e por extensión da concellaría de Mobilidade do Daniel Díaz, de que o prezo é o único problema a resolver só pode significar dúas cuestións: que o Executivo local xa se pregou aos intereses da Compañía de Tranvías, poñéndose de parte, e que a área de mobilidade do Goberno local non é coñecedora da situación real diaria da veciñanza da Coruña.

Nós seguiremos demandando que o servizo de transporte público en autobús nesta cidade pase pola xestión pública municipal, xa que logo isto suporía xestionar de xeito directo o prezo do billete, mellorar as infraestruturas, paradas, marquesiñas, autobuses etc, mellorar as rutas, frecuencias e horarios, que permitan que as coruñesas e os coruñeses non precisen empregar o coche para ir traballar ou para facer a súa vida diaria e para implementar bonificacións que fagan máis accesíbel economicamente e compensen a utilización do transporte colectivo fronte ao privado, e mesmo para implementar medios de transporte alternativos para non limitármonos o servizo de autobús.

Parcarta da Comisión Aberta en Defensa do Común colocada onte no salón de plenos durante a celebracion da Asemblea Cidadá

Por último, na terceira pregunta queremos saber, a esta altura, a situación actual do cumprimento dos acordos da moción “Sobre unha manifestación en apoio das reivindicacións da Comisión Aberta en Defensa do Común e a celebración dunha Consulta Popular para coñecer a opinion da cidadanía sobre esas reivindicacións”, tomados na sesión de data 6 de marzo de 2017 (preme aquí para ver esa iniciativa). Un dos acordos tomados ao se aprobar esta moción era a celebración dunha Consulta Popular a respecto da devolución á cidade da Coruña dos terreos do Porto.

Xa van catro meses desde o debate nese Pleno de marzo. Asemade, naquel debate se informaba que a finais de febreiro o alcalde iniciara o procedemento de consultas para as actuacións a realizar ao respecto. Cómpre xa que se nos diga que prazos se están manexando para realizar a consulta e como se ten pensado desenvolver. Lembramos que a Autoridade Portuaria segue coa súa folla de ruta, e ten previsto, para finais de agosto, retomar a poxa dos terreos da Solana e do Hotel Finisterre. Insistimos, non cabe outra actuación que a devolución de balde deses terreos, e moito nos tememos que a falta de firmeza, a súa actitude ambigua e mesmo a lentitude coa que o Goberno municipal está actuando dea lugar a un novo espolio a conta do que é da veciñanza da Coruña.

 

A Coruña, 28 de xuño de 2017.