PREGUNTA POR ESCRITO DE AVIA VEIRA

As axudas do bono taxi per cápita, recortadas nun 30 por cento

En 2019 unha persoa perceptora do bono taxi recibía do Concello 1.000 euros. En 2020, 700. Este descenso, dun 30 por cento, leva a concelleira do BNG Avia Veira a lle formular unha pregunta por escrito ao Goberno Local.
As axudas do bono taxi per cápita, recortadas nun 30 por cento

Porén, o orzamento total do bono taxi incrementou dun ano a outro, de 125 a 155 mil euros. A caída na cantidade per cápita deberíase, pois, a que houbo un aumento no número de persoas perceptoras da axuda.

“O funcionamento destas axudas castiga as persoas con mobilidade reducida que as solicitan: se hai máis persoas que vaian recibir a axuda, diminúe a contía”, analiza Veira na exposición de motivos desta pregunta. “A rebaixa destas axudas por persoa perceptora, a cifra máis baixa nos últimos cinco anos, non tivo como consecuencia ningún tipo de reacción por parte do Goberno Local”, esténdese a edil nacionalista.

Para o BNG, debería mudarse o modelo de repartición destes fondos para non se veren prexudicadas as persoas con mobilidade reducida “no caso de que haxa moitas persoas solicitantes con dereito a esta axuda”.

Na batería de preguntas, Veira inquírelle ao Goberno Local se coñece a “que se debeu o aumento no número de persoas perceptoras neste ano” e se ten na cabeza modificar o sistema de concesión destas axudas para evitar que se continúen a producir os prexuízos ás persoas beneficiarias que se teñen constatado neste exercicio.

 

 

 

 

 

 

 

 

As axudas do bono taxi per cápita, recortadas nun 30 por cento