Avia Veira interésase polo expediente da retirada a Manuel Fraga do título de fillo predilecto

Avia Veira, durante un pleno.
Avia Veira, durante un pleno.
O Pleno do Concello da Coruña aprobou o 6 de maio de 2019 unha moción do BNG en que se instaba o alcalde [naquela altura Xulio Ferreiro] a que iniciase o procedemento para retirar a Manuel Fraga a distinción de fillo predilecto da cidade.
Avia Veira interésase polo expediente da retirada a Manuel Fraga do título de fillo predilecto

A moción, que tivo o apoio da Marea e do Grupo Municipal Socialista, fora presentada polo BNG e defendida no pleno por Avia Veira. Respondía a unha iniciativa dun grupo de persoas represaliadas pola ditadura. Este colectivo trasladou a proposta aos distintos grupos municipais. Entre eles foi só o BNG quen a fixo súa.

Agora Avia Veira diríxese ao goberno local para saber se, con efecto, a alcaldesa ten previsto dar cumprimento a ese acordo plenario e, consecuentemente, instruír un expediente que resulte na retirada da distinción a Fraga. A concelleira nacionalista quer saber que prazos manexa o executivo coruñés para materializar a resolución do pleno.

O acordo plenario non se refería só a Fraga (distinguido polo concello o 24 de decembro de 1968), senón tamén a Laureano López Rodó, a quen a Corporación outorgou o título de fillo predilecto o 15 de maio de 1972.

A moción do BNG pendente aínda de se levar a termo instaba tamén o goberno local a “retirar as diferentes honras e distincións a destacados alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista de 18 de xullo de 1936, xogan un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura”.