Avia Veira dirixe unha batería de preguntas ao Goberno Local sobre problemas do barrio de Labañou

Encontro co grupo municipal do BNG coa Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou.
Imaxe do encontro entre o grupo municipal do BNG e a
A concelleira do BNG Avia Veira dirixiu unha batería de preguntas por escrito ao Goberno Local en que se recollen as inquedanzas trasladadas ao grupo municipal nacionalista por parte da Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou, nunha reunión realizada o venres 13 de decembro, a respecto de problemas que atinxen este barrio da cidade. 
Avia Veira dirixe unha batería de preguntas ao Goberno Local sobre problemas do barrio de Labañou

As preguntas xiran arredor de cuestións que van desde a mobilidade até o estado dos equipamentos sanitarios, culturais e deportivos ou que mesmo teñen a ver coa inclusión do barrio na programación cultural e festiva do concello.

Entre outros asuntos, Avia Veira pregunta cando se vai executar a rehabilitación do Grupo de Vivendas de María Pita e se ten previsto o Goberno Local acometer, e en que prazos, a separación de pluviais e fecais no Grupo de Vivendas do Carme.

Inquire ao executivo coruñés se se está a vixiar acotío o aparcamento indebido “enriba das beirarrúas na contorna da rúa Educación e da Avenida Gran Canaria” e se na reordenación das liñas de autobuses se está a ter en conta que neste barrio —onde teñen a súa sede a UNED, a Escola de Idiomas e o Conservatorio— se produce unha “acumulación de servizos educativos comúns a toda a cidade e a área metropolitana”.

Canto á regulación do tránsito, pide a concelleira nacionalista que se atenda a demanda veciñal en relación ao semáforo que regula o xiro á dereita desde a Rolda de Outeiro á Avenida de Gran Canaria. As veciñas propoñen que o semáforo “non sexa de ámbar intermitente, senón verde ou vermello porque é un perigo para os coches que ao xirar non teñen visibilidade abondo dos peóns que o atravesan”, indica a edil.

Finalmente, Avia Veira insta o Goberno Local a que faga chegar á Consellaría de Sanidade as deficiencias en atención sanitaria no Centro de Saúde de Labañou.

Avia Veira dirixe unha batería de preguntas ao Goberno Local sobre problemas do barrio de Labañou