Primeiros 100 días en María Pita: clima de diálogo, mais certa falta de impulso por parte do goberno

Veira e Jorquera, no salón de plenos
Veira e Jorquera, no salón de plenos
Decorridos os 100 primeiros días de xestión do novo goberno municipal, o grupo municipal do BNG quer facer unha avaliación do comezo do presente mandato en María Pita.
Primeiros 100 días en María Pita: clima de diálogo, mais certa falta de impulso por parte do goberno

O BNG ve positivo o “clima de diálogo” estabelecido durante este tempo entre as distintas forzas políticas con presenza no concello. A criar esa atmosfera de entendemento o Bloque tamén ten contribuído coa súa disposición ao acordo, reflectida no documento asinado o 19 de xuño co PSOE que fixo viábel a investidura de Inés Rey.

Canto á xestión realizada polo goberno local até o momento, o BNG xulga prematuro extraer demasiadas conclusións, se ben si bota en falta maior dilixencia por parte do executivo na tramitación dalgúns asuntos, entre os que figura a non aprobación aínda do modificativo de crédito para dotar de novos fondos á renda e ás axudas de emerxencia social. 

“As persoas beneficiarias destas rendas están a sufrir as consecuencias desa falta de dilixencia en forma de atrasos nos pagamentos. E son persoas que padecen situacións severas de exclusión”, valora Avia Veira.

O BNG observa certa falta de impulso do goberno á hora de comezar a dar cumprimento aos compromisos acordados en xuño coa formación nacionalista e, nese sentido, sinala que aínda non se ten producido ningunha reunión formal con vistas a que a cidade, como sería desexábel, puidese contar con novos orzamentos a 1 de xaneiro de 2020.

Sería ben, polo demais, que xa se tivesen dado algúns pasos en materia de políticas de mobilidade ou de vivenda, asuntos cuxa concreción aparece con clareza no acordo de investidura.

“O diálogo está ben e os acordos están ben, mais logo eses acordos teñen que se verificar na práctica. Continuaremos a fiscalizar que así sexa”, afirma Francisco Jorquera, portavoz do grupo municipal nacionalista.