Así se defende o emprego: manter Alcoa, revitalizar o comercio local

Os candidatos nacionalistas, este luns en dúas emisoras locais.
Os candidatos nacionalistas, este luns en dúas emisoras locais.

Francisco Jorquera, o cabeza de lista, e David Soto, o número 5 da candidatura, defenden a aposta nacionalista para revitalizar os barrios e manter as industrias electrointensivas como dous elementos que contribúan a conservación do emprego.

Así se defende o emprego: manter Alcoa, revitalizar o comercio local

“Hai barrios polos que das un paseo e vense rúas baleiras e locais pechados. Nós queremos rúas vivas cun comercio de proximidade denso e vizoso”, indicou Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, que participou este luns no debate de actualidade municipal en Radio Coruña SER. “Estanse a desaproveitar os mercados, que deberían ser a locomotora dos barrios”, dixo Jorquera, “e hai que crear ese banco de locais comercias que levamos anos pedindo e axudar ao financiamento da reforma de locais”. O BNG mantén que é precisa unha “descentralización” da actividade comercial e o seu regreso aos barrios. Tamén como elemento que axude a recuperación do emprego. 


Esta mesma mañá, nunha conversa en Radio Intereconomía, o número 5 da candidatura do BNG da Coruña ás municipais, David Soto, profesor de Dereito na UDC, falou tamén de emprego e da necesidade de “diversificar o modelo produtivo na cidade”. Soto lembrou que no caso das industrias electrointensivas como Alcoa, no foco do debate despois de que o Goberno do Estado dera por rematada a lexislatura sen garantir unha solución para a planta coruñesa, o BNG mantén dúas prioridades: “a primeira é a defensa dos empregos, e a segunda a continuidade da produción”. “E se para iso hai que intervir desde o público, desde o Estado, pois hai que facelo, tal e como se fai noutros países. É o normal, non é comunismo, como dixo a ministra”. Soto lembrou que o BNG xa levou unha batería de medidas ao Parlamento galego para apoiar este tipo de industrias e volveu insistir na proposta dunha Tarifa Eléctrica Galega que conceda certa estabilidade e vantaxes nos custes ás empresas electrointensivas, “sempre cun control desde o público porque o obxectivo é manter o emprego e as plantas activas”, insistiu.