MOBILIDADE

Asemblea Aberta pola xestión pública do transporte urbano na Coruña. Mércores 7 de decembro, 20.00 h

A aplicación do Regulamento (CE) 1370/2007 posibilita a extinción da concesión á Compañía de Tranvias do servizo de transporte urbano na cidade da Coruña desde este 1 de decembro de 2016

Queremos colectivizar co maior número de entidades e asociacións a nosa aposta de conseguir que o servizo de transporte urbano sexa de xestión pública

Asemblea Aberta pola xestión pública do transporte urbano na Coruña. Mércores 7 de decembro, 20.00 h

Como se fixo público ao longo desta semana, o Goberno municipal, en aplicación dun regulamento europeo de 2007, ten posibilidade de poder dar remate, no prazo entre este pasado xoves, día 1 de decembro, e o 30 de novembro de 2018, á concesión do servizo público de transporte que se ten asinado coa Compañía de Tranvías.

Asemade, esa norma, o Regulamento (CE) 1370/2007, dálle a posibilidade ao Concello da Coruña de xestionar de xeito directo o servizo público de transporte de viaxeiros, indicándose no artigo 5.1. (dese mesmo regulamento) que a extinción da concesión coa Compañía de Tranvías non tería consecuencias xurídicas nin económicas para o Concello (e así foi recollido pola Asesoría Xurídica do propio Concello nunha das notas interiores emitidas nun informe).

No BNG mostrámonos sempre moi críticos coa xestión que realiza a Compañía de Tranvías. É un sentir unánime na veciñanza da cidade do incumprimento dos servizos do transporte urbano, xa que logo son constantes as queixas e protestas a respecto de horarios, frecuencias, transbordos, prezos, liñas, conexións entre barrios etc que se están ofrecendo, polo que non se están a cumprir ás necesidades reais da cidadanía da Coruña.

Entendemos, por tanto, que se abre unha posibilidade real de pular por unha xestión pública do servizo de transporte urbano na nosa cidade que queremos colectivizar co maior numero de persoas e entidades.

É por isto que convocamos unha Asemblea Aberta ao conxunto da veciñanza e de entidades, asociacións e colectivos da nosa cidade, á cal comprácenos convidarte [vos] a participar.

Esta asemblea será o vindeiro mércores 7 de decembro, ás 20.00 h, no salón de actos do Edificio Sindical (avenida Alfonso Molina s/n).

Agardamos poder contar contigo!