INSTITUTO OCEANOGRÁFICO

Apostamos pola investigación e os proxectos e denunciamos a precariedade do Instituto Oceanográfico da Coruña

Exterior do Centro Oceanográfico na Coruña
Exterior do Centro Oceanográfico na Coruña

Presentamos unha moción en defensa da investigación e en apoio das traballadoras e traballadores do centro do Instituto Español de Oceanografía da Coruña

Trasladaremos ao Pleno ordinario de abril a proposta de instar a Xunta de Galiza o pedir o traspaso de competencias para a total xestión económico administrativa dos centros do IEO hoxe en día en Galiza co obxecto de que pasen a formar parte da estrutura propia da Xunta

A centralización na toma de decisións, a imposición de técnicos económicos para o control de gastos, os recortes desmedidos e a nefasta e burocrática xestión realizada desde Madrid dá como resultado unha mingua sen precedentes en investigación e proxectos. Estanse a producir situacións tan esperpénticas como que as solicitudes de autorizacións para as saídas científicas ao mar se retrasen máis dun mes e medio, cando estas saídas dependen das condicións meteorolóxicas e marítimas, polo que as autorizacións se deberían dar no prazo das súas predicións. Isto provoca a paralización encuberta das saídas e do traballo investigador do cadro de persoal

Apostamos pola investigación e os proxectos e denunciamos a precariedade do Instituto Oceanográfico da Coruña

Vimos de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno ordinario de abril (podes descargala aquí) en defensa da investigación e en apoio das traballadoras e traballadores do Centro do Instituto Oceanográfico da Coruña, ademais de solicitar que se inste á Xunta de Galiza o pedir o traspaso de competencias para a total xestión económico administrativa dos centros do IEO hoxe en día en Galiza co obxecto de que pasen a formar parte da estrutura propia da Xunta.

Deste xeito, recollemos as demandas do cadro de persoal dos centros do IEO que esta semana veñen de se manifestar na mellora das súas condicións de traballo e en demanda do aumento de investimentos e de descentralización da xestión económico administrativa que hoxe en día é dirixida desde a secretaría de estado en Madrid a través do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade.

Así, na nosa iniciativa destaca que a resolución de 14 de xaneiro de 2014, da Intervención Xeral da Administración do Estado, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros de 20 de decembro de 2013, sobre o réxime de control económico-financeiro aplicábel pola Intervención Xeral da Administración do Estado a determinados organismos públicos impuxo un novo sistema de control de gasto, que acompañado ao descenso de financiamento e de investimentos de anos anteriores debido á nefasta xestión da crise económica, supuxo que moitos organismos e entidades dependentes das AA.PP. tiveran unha drástica e dramática perda de posibilidades de desenvolvemento de actividades, unha perda sen precedentes de persoal non reposto e un descenso dificultosamente reparábel de liñas de investigación, desenvolvemento e innovación que hoxe en día seguen perdurando, malia as continuas novas que anuncian que a economía no Estado español ten saído xa desa crise e ten trazos de recuperación.

Vista das instalacións do Centro Oceanográfico desde os xardíns da Maestranza

A xestión do IEO está baseada na centralización de gastos, impoñendo a persoal técnico administrativo, a través da figura dun interventor, para o control dos investimentos e dos gastos necesarios alén das necesidades particulares e inmediatas de cada centro. Asemade, esta centralización non só atende ao apartado económico. Máis aló. Tamén na xestión, na dotación de persoal, na investigación e en calquera das áreas nas que se estruture: control de proxectos, taxas de reposición de persoal (que non se están cumprindo) etc, e mesmo na administración do traballo do día a día, o que está dando lugar á demora sine die de tarefas e plans (retrasos de até máis dun ano e medio en “visto e prace” de proxectos, por exemplo), acumulación de tarefas, desorganización executiva, parálise estrutural e mesmo desequilibrios territoriais con centros en mínimos, tanto en persoal como de material.

Deste xeito, queremos que o Pleno do Concello da Coruña amose a súa solidariedade coas traballadoras e traballadores, que están nesta continua situación de precariedade, e instar o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade do Estado español, mentres non se dea traslado das competencia en xestión económico administrativa, a iniciar un proceso de descentralización dos centros e das infraestruturas do Instituto, nomeadamente para os centros e infraestruturas con sede en Galiza, na cidade da Coruña e na cidade de Vigo, para seren xestionados segundo as súas propias necesidades e a atender ás demandas das traballadoras e dos traballadores dos centros, nomeadamente as referidas á creación dunha bolsa de emprego, ao aumento en investimentos en I+D+i e a atención prioritaria para a aprobación áxil de proxectos e no deseño dun modelo actualizado, coa necesaria modernización no sistema de xestión e na estrutura do organismo.

A centralización na toma de decisións, a imposición de técnicos económicos para o control de gastos, os recortes desmedidos e a nefasta e burocrática xestión realizada desde Madrid dá como resultado unha mingua sen precedentes en investigación e proxectos. Estanse a producir situacións tan esperpénticas como que as solicitudes de autorizacións para as saídas científicas ao mar se retrasen máis dun mes e medio, cando estas saídas dependen das condicións meteorolóxicas e marítimas, polo que as autorizacións se deberían dar no prazo das súas predicións. Isto provoca a paralización encuberta das saídas e do traballo investigador do cadro de persoal.

A Coruña, 23 de marzo de 2018.