PREGUNTAS ORAIS

A ampliación da Vedra, a mobilidade na cidade e a Renda Social as nosas preguntas para o Pleno de abril

Perspectiva da avenida da Vedra a altura da incorporación da avenida de San Cristovo que a une co pollígono de Agrela
Perspectiva da avenida da Vedra a altura da incorporación da avenida de San Cristovo que a une co pollígono de Agrela

Solicitamos ao Goberno da Marea Atlántica que explique en Pleno cal é o seu posicionamento a respecto da ampliación da Vedra

Como segunda cuestión preguntaremos se o Goberno municipal coincide coas reclamacións expresadas por diversas entidades a respecto da reformulación de liñas do transporte público urbano e a mobilidade na Coruña

Por último tamén queremos saber se o Goberno da Marea Atlántica considera necesario revisar e mellorar a Ordenanza que regula a Renda Social Municipal

A ampliación da Vedra, a mobilidade na cidade e a Renda Social as nosas preguntas para o Pleno de abril

Presentamos esta mañá as que serán as nosas preguntas para a súa resposta oral para o vindeiro Pleno ordinario de abril.

Así, como primeira cuestión solicitaremos ao Goberno da Marea Atlántica que explique en Pleno cal é o seu posicionamento a respecto da ampliación da Vedra.

Xa temos declarado máis dunha vez a nosa posición en contra desta ampliación, polo que demandaremos do Executivo unha resposta clara e contundente sobre as actuacións de ampliación da avenida que anunciou a semana pasada o ministro Íñigo de la Serna.

Non nos cansaremos de dicir que a solución para a aliviar o tránsito na Vedra non é ampliar carrís, máis cemento e formigón e converter a entrada da cidade nunha autopista, senón repartir antes o tráfico coa conexión da AP-9 co aeroporto e, polo tanto, coa Terceira Rolda e apostar por outro modelo de mobilidade na cidade e na área metropolitana, que pasaría pola optimodalidade e por planificar un transporte público intermodal cun servizo de proximidade por tren e cun autobús pensado para cubrir as necesidades da xente. Nós temos clara a aposta, radicalmente contraria a do Partido Popular. Mais a Marea Atlántica, que é quen goberna hoxe en día a cidade, non aclarou cal é o seu proxecto ou se pasa polas mesmas coordenadas e propostas que o Ministerio de Fomento e o Goberno do Estado.

A proposta de novas liñas expresadas por entidades sociais

A segunda interpelación que levaremos ao Pleno dá traslado do debate social aberto por varias entidades e colectivos a respecto do reordenamento das liñas do transporte público urbano e que teñen mostrado a súa posición publicamente nas ultimas semanas.

Neste sentido, entendemos que o Goberno municipal chega tarde xa ao debate social aberto xa que logo as demandas de mellora de liñas, frecuencias, transbordos e demais servizos que se prestan desde a empresa concesionaria se veñen reclamando desde incluso antes do comezo do presente mandato.

Bus da liña 7 percorrendo as rúas de Xoán Flórez (foto: Wikipedia Commons Sicixia bus)

Levamos xa un ano e medio perdido toda vez que se decidiu aplicar o Regulamento (CE) 1370/2007 en novembro de 2016, que daba lugar á extinción da concesión. Este tempo podería ter sido empregado para elaborar e achegar un proxecto, polo que non entendemos agora ás convocatorias que se están realizando desde a Área de Mobilidade a entidades sociais: non sabemos que pretende facer a Marea Atlántica coa mobilidade, nin a principio de mandato, nin agora que nos aproximamos ao final do mesmo, polo que entendemos que os procesos participativos que se están facendo son outra fuxida cara adiante ás que nos ten acostumado este goberno.

Non é ningunha novidade a nosa preocupación e as nosas propostas por outro tipo mobilidade. E están moi vencelladas á situación actual da Vedra. É un tema fulcral xa que logo cremos que incide e incidirá de xeito moi importante no futuro da cidade e da súa área metropolitana: a nova licitación da concesión da xestión do transporte urbano, a progresiva entrada de liñas comarcais na urbe, a conexión con polígonos, universidade e centros médicos etc, son cuestións que só poden facerse desde a elaboración dun proxecto global e integral. E queremos que o Goberno municipal aclare se coincide coa visión que están a difundir estas entidades sociais ou, pola contra, coincide coa visión que hoxe en día ten a Compañía de Tranvías que sinalou que tales demandas non son «factibles», apostando polo modelo actual que ten implantado a propia empresa. Entendemos como unha necesidade básica o transporte público, e terá que ser este quen se adapte ás necesidades da veciñanza, e non ao revés, como pasa na actualidade, onde o beneficio empresarial, amparado na inacción política, prima sobre.

Renda Social Municipal

A última pregunta que trasladamos para ser respondida no Pleno é a respecto da Renda Social Municipal e da pertinencia da revisión e mellora da ordenanza que a regula.

Despois de se rexeitar a nosa emenda aos orzamentos municipais na que se solicitaba igualar, canto menos ao valor de 2017, a partida destinada este ano para a renda, e de comprobar, a través de varios decretos, que se estaban a producir unha serie de minoracións e de denegacións por determinadas cuestións, cremos que é momento de facer un análise a respecto de se se están a cumprir os obxectivos polos que se estableceu.

Segundo recolle a propia páxina web do Concello onde se informa da mesma, a «Renda Social Municipal é unha prestación económica do Concello da Coruña destinada a paliar situacións temporais de necesidade e garantir uns recursos mínimos de subsistencia aos veciños e ás veciñas da Coruña». Despois de ter acceso a varios casos de minoración ou mesmo denegación da renda por cuestións moi chamativas: enfermidades, falta de requerimentos de pensión de manutención, traballos por horas etc, preocúpanos moito que a renda non estea a cumprir o fin para o que foi concibida.

 

A Coruña, 28 de marzo de 2018