Alegacións ao Proxecto das Percebeiras: non hai demanda de mamotretos e incumpre un feixe de normas legais

Avia Veira rexistra as alegacións
Avia Veira rexistra as alegacións
O grupo municipal do BNG rexistrou este venres as súas alegacións ao proceso de estudo de impacto ambiental do coñecido como Proxecto das Percebeiras.
Alegacións ao Proxecto das Percebeiras: non hai demanda de mamotretos e incumpre un feixe de normas legais

O BNG alega contra este proxecto basicamente por dúas razóns, explica Avia Veira, a responsábel de Urbanismo do grupo municipal nacionalista.

“A primeira razón é que non existe unha demanda de vivenda de promoción privada na cidade que xustifique a construción destes mamotretos ao pé do mar”, afirma.

“A poboación da cidade está estancada, as previsións de construción de vivendas do PXOM de 2013 non se materializaron nin de lonxe e por tanto non vemos por ningures que exista un problema de demanda de vivenda non satisfeita”, alega. O auténtico problema de vivenda na Coruña é que “existen case 20 mil moradas baleiras e os alugueres están polas nubes”. “Aí é onde as políticas públicas deberían pór o foco e non en densificar máis a trama urbana”, considera Veira.

A segunda razón que move as alegacións do BNG é que o Proxecto das Percebeiras incumpre unha manchea de textos e documentos legais.

"A poboación da cidade está estancada, as previsións de construción de vivendas do PXOM de 2013 non se materializaron nin de lonxe e por tanto non vemos por ningures que exista un problema de demanda de vivenda non satisfeita”

“Incumpre normas promulgadas polo Parlamento de Galiza de rango superior ao PXOM. Incumpre a Lei do Solo, o decreto de ordenación do territorio e tamén o plano de ordenación do litoral en virtude do cal debería haber un maior estudo do impacto sobre a paisaxe e sobre as vivendas que existen na zona, isto é, sobre o Grupo María Pita”, argúe Veira.

Por incumprir, incumpre tamén o propio PXOM no que atinxe a protección das vistas da Torre, porque o símbolo por excelencia da cidade non se vai poder contemplar “desde o total da Avenida de Labañou”.

Hai máis: “Entendemos que incumpren tamén os obxectivos de desenvolvemento sostíbel da ONU, en concreto a liña 11, que fala de cidades e comunidades sostíbeis. E incúmprese aínda a normativa de protección de especies que habitan no espazo verde que se quere destruír para plantar alí mamotretos, ben como tampouco se cumpren as previsións contidas no Eidus, aprobado por unanimidade polo Pleno, ou na estratexia contra o cambio climático das cidades”.

Por incumprir, o proxecto das Percebeiras incumpre tamén o propio PXOM no que atinxe a protección das vistas da Torre, porque o símbolo por excelencia da cidade non se vai poder contemplar “desde o total da Avenida de Labañou”

Toda esta panoplia de documentos legais, esténdese a concelleira, sinalan que non se pode construír ao pé do mar e que se deben manter todas as zonas verdes posíbeis “e nese sentido temos que ter en conta que a cidade da Coruña ten unhas ratios aínda deficitarias de zonas verdes por habitante”.

Todos estes motivos, por tanto, levan o BNG a alegar contra este proxecto no trámite actual de avaliación ambiental. “Agardamos que a Xunta, a administración competente, tome en consideración todas estas alegacións”, conclúe Veira.

 

 

Alegacións ao Proxecto das Percebeiras: non hai demanda de mamotretos e incumpre un feixe de normas legais