JORQUERA FORMÚLALLE UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS AO GOBERNO LOCAL

Actuacións de humanización pendentes no Birloque, O Martinete e Someso

Soar con vexetación selvática
Soar con vexetación selvática
Após a recente visita de Francisco Jorquera aos núcleos de O Birloque, O Martinete e Someso, da man do presidente da Asociación de Veciñas e Veciños deses lugares, Ramón Mañana, o BNG vén de rexistrar unha pregunta por escrito en que se lle formulan diversas cuestións ao Goberno Local sobre a necesaria humanización deses barrios da cidade.
Actuacións de humanización pendentes no Birloque, O Martinete e Someso

Na exposición de motivos desta iniciativa, explica Francisco Jorquera que A Coruña “non é só o caso urbano consolidado da nosa cidade”, senón que “no noso termo municipal tamén hai moitos núcleos de características rurais ou rurubarnas”. O problema é que estes lugares –que se caracterizan polos seus valores ambientais e patrimoniais- carecen con frecuencia de servizos elementais e padecen unha mestura de desleixo e abandono por parte do Goberno Local.

“Un problema xeralizado destes núcleos é o estado das beirarrúas, co pavimento deteriorado e con problemas de accesibilidade, ao que hai que sumar a ausencia de marquesiñas en moitas paradas de buses”, engade.

E logo está o problema do tráfico pesado que continúa a transitar pola estrada DP3004, a que dá acceso á Escola Profesional de Someso, pola Avenida de Glasgow e pola estrada DP0512 na súa pasaxe polo Martinete e polo Birloque. Aquí a petición veciñal é a de que se estenda a todos estes núcleos o límite dos 30 quilómetros por hora, o A Coruña 30, demanda que o BNG asume totalmente por a considerar moi razoábel.

Birloque 2

O cadro complétase coas características imaxes dos plumachos e a maleza a inzaren soares abandonados e faltos de limpeza. “Estas fincas, alén do seu brutal impacto paisaxístico no barrio, constitúen un risco de incendio e son un foco de sucidade e infección, provocando a proliferación de cóbregas e ratas, que nalgúns casos chegan a entrar nos andares dos edificios colindantes”, relata o voceiro nacionalista.

O cadro complétase coas características imaxes dos plumachos e a maleza a inzaren soares abandonados e faltos de limpeza

Por todo isto, Jorquera pregúntalle ao Goberno Local se ten previsto mellorar o estado das beirarrúas e dotar delas a zonas que carecen destas infraestruturas, para alén de asegurar que reúnan condicións de accesibilidade. Inquírelle tamén ao executivo coruñés se ten prevista a instalación de marquesiñas nas paradas dos autobuses e se prevé implantar o límite de 30 quilómetros/hora na Rúa Pablo Picasso, Avenida Glasgow e estradas DP3004 e DP0512.

Neste último sentido, o BNG considera que ese límite até debería reducirse na Rúa Pablo Picasso “por mor da existencia de colexios e escolas infantís”.

Quere saber aínda se o Goberno Local ten a disposición de negociar coa Deputación da Coruña a cesión dos tramos das estradas DP3004 e DP0512 que discorren por estes barrios “por seren vías de características urbanas”.

 

Actuacións de humanización pendentes no Birloque, O Martinete e Someso