FACHADA MARÍTIMA

O acordo ente Portos, Fomento e Xunta é un insulto para A Coruña

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria
Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria

O PP amosa na sinatura do protocolo sobre os terreos portuarios un sectarismo sen precedentes, estar absolutamente ausente das necesidades e vontade das coruñesas e dos coruñeses e revela que o que máis lle importa é o reparto do “pastel” e non os usos que eses terreos vaian ter

Con este acordo e con este modus operandi, o Ministerio de Fomento, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria e a Xunta de Galiza desprezan as coruñesas e os coruñeses e renuncian a un proxecto integrador dos terreos que se desafectarán

Insistimos na potencialidade do conxunto dos terreos portuarios para implementar usos produtivos de I+D+i relacionados co mar e a pesca, para a dotación de equipamentos e de usos sociais, e para o potenciación das infraestruturas en mobilidade que hoxe existen aí

O Goberno municipal fallou ao adiar a convocatoria da consulta popular aprobada en Pleno e ao non deseñar un proxecto para os peiraos interiores que tiña que ter feito nada máis comezar o mandato, sobre todo dado que a Marea Atlántica levaba no seu programa a reformulación dos convenios de 2004

O acordo ente Portos, Fomento e Xunta é un insulto para A Coruña

Diante da sinatura dun protocolo entre o Ministerio de Fomento, Portos do Estado, a Autoridade Portuaria e a Xunta de Galiza, sinalamos que o PP amosou un sectarismo sen precedentes, estar absolutamente ausente das necesidades e vontade das coruñesas e dos coruñeses e revela que o que máis lle importa é o reparto do “pastel” e non os usos que eses terreos vaian ter.

Asemade, entendemos que as decisións que se asinaron no acordo que se anuncia son partidistas e sectarias e só se poden entender desde a perspectiva coa que veu actuando sempre a Autoridade Portuaria, mais preocupada de facer caixa e de empregar eses terreos, que son de todas e de todos, para a especulación inmobiliaria.

A este respecto, cremos que a reserva do 51 % deses terreos para a Xunta de Galiza, “dando cabida á participación do Concello da Coruña e da Deputación” no 49 % restante é un menosprezo e preguntámonos por que ambas administracións foron excluídas no proceso de elaboración e conformación desta proposta, quedando deliberadamente ao marxe, e só coa posibilidade de participar a efectos consumados toda vez que tanto Portos como a Xunta teñen atado todo o proceso de desafectación.

Estación de San Diego cos peiraos ao fondo

Entendemos que a proposta que se avanza, despois da reunión entre Portos do Estado e a Xunta, é un insulto á cidade, enfocada á especulación e a financiación pola porta de atrás do Porto Exterior, que renuncia a un proxecto integrador dos terreos que se desafectarán e obvia as necesidades reais da cidade. En definitiva, é un ninguneo ás veciñas e veciños da Coruña que ven novamente como se lles toma o pelo a respecto duns terreos, os peiraos interiores, que foron cedidos no seu día para o crecemento portuario. Non se trata de quen compra e de quen vende senón de recuperalos para a cidade, cando se desafectan os usos para os que foron cedidos, son obxecto de especulación e trapicheo. É inadmisíbel e intolerábel.

Lembramos que, tanto os terreos que hoxe ocupan os peiraos de Batería e de Calvo Sotelo, así como o conxunto de San Diego, deben ser recuperados para implementar usos produtivos de I+D+i relacionados co mar e a pesca, para a dotación de equipamentos e de usos sociais e para o potenciación das infraestruturas en mobilidade que hoxe existen aí.

Cremos que todos eses terreos poden ser empregados para dotármonos de industria, servizos e equipamentos: espazos para empresas relacionadas co mar e que enfoquen a súa actividade na investigación e no desenvolvemento; en equipamentos, como por exemplo, espazos para centros públicos para maiores e estudantado; espazos libres e que integren as zonas desafectadas na contorna urbana; ou por non falar dos espazos que hoxe en día existen en infraestruturas, pudendo ser aproveitados para reformular establecer outro modelo de mobilidade máis sostíbel ao que hoxe en día existe na cidade.

Por último, tamén cremos que o Goberno municipal fallou ao adiar a convocatoria da consulta popular aprobada en Pleno e ao non deseñar un proxecto para os peiraos interiores que tiña que ter feito nada máis comezar o mandato, sobre todo dado que a Marea Atlántica levaba no seu programa a reformulación dos convenios de 2004.

 

A Coruña, 18 de abril de 2018.