O acordado polas forzas políticas por unanimidade, un paso importante para a fábrica de armas

O acordado polas forzas políticas por unanimidade, un paso importante para a fábrica de armas

A Coruña, 16 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego valora moi positivamente a reunión mantida hoxe polos portavoces dos grupos municipais do Concello da Coruña co Comité de empresa da fábrica de armas da Coruña, que viña solicitando o BNG desde que se coñeceu a nova de General Dynamics de querer pechar a factoría coruñesa.

Nesta reunión, amosouse de xeito unánime o rexeitamento máis absoluto á decisión de General Dynamics de querer pechar a fábrica de armas da Coruña, tendo en conta que, a diferenza do que mantén a empresa, entendemos que se trata dun centro de traballo totalmente viábel polas súas enormes potencialidades que ten no eido dunha produción diversificada.

O acordo acadado nesta reunión, coa participación dos membros do comité de empresa, entre todos os grupos municipais con representación na corporación municipal é realmente importante para defender o mantemento da actividade produtiva na Fábrica de Armas da Coruña e na propia comarca.

Entre outros moitos aspectos, este acordo supón a implicación da Xunta de Galiza logo de solicitar o portavoz municipal do BNG, que tamén levaba á reunión un texto para chegar a acordo, que se dea cumprimento do aprobado por unanimidade por todos os grupos políticos o 22 de novembro de 2005 no Parlamento de Galiza (achégase xunto á nota). Este acordo parlamentar conleva a exixiencia a General Dynamics do cumprimento dos deberes asumidos cando adquiriu Santa Bárbara e que recoñece a viabilidade da fábrica de armas da Coruña pola diversificación da súa produción no eido civil. Cómpre lembrar que en virtude deste acordo corresponde:

a) do Goberno español o cumprimento do contrato INI-Defensa co fin de garantir a carga de traballo para todos os centros da empresa Santa Bárbara.

b) do Goberno español que garanta o cumprimento das obrigas asumidas por General Dynamics na adquisición da empresa nacional Santa Bárbara en todo o que atinxe a cargas de traballo, novos contratos e investimentos tecnolóxicos.

c) do Goberno español que garanta a continuidade da Fábrica de Armas da Coruña e que presente, en colaboración coa Xunta de Galiza, un plan industrial de futuro, sólido e fiábel, que asegure a diversificación da produción e a achega de nova carga de traballo e, en todo caso, o mantemento da actual nivel de emprego.

O Grupo Municipal do BNG amosa o seu apoio ás persoas que traballan na fábrica de armas da Coruña, recoñecéndolles a súa elevada cualificación profesional como garantía e proba incuestionábeis de que este centro de traballo da nosa cidade é totalmente viábel polas súas enormes potencialidades.

O acordado polas forzas políticas por unanimidade, un paso importante para a fábrica de armas