A Xunta ten que someter o Proxecto das Percebeiras a avaliación ambiental ordinaria, con estudo do impacto paisaxístico

Alexandra Fernández e Avia Veira, con veciños de Labañou
Alexandra Fernández e Avia Veira, con veciños de Labañou

A Xunta debe darlle curso ao Proxecto das Percebeiras a través do Trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria, após o ter submetido ao trámite simplificado, para que inclúa o estudo do impacto paisaxístico.

A Xunta ten que someter o Proxecto das Percebeiras a avaliación ambiental ordinaria, con estudo do impacto paisaxístico

Así o defenderon esta mañá Alexandra Fernández e Avia Veira, deputada do BNG no Parlamento galego e concelleira nacionalista en María Pita, respectivamente, nunha comparecencia perante os medios ao pé do soar das Percebeiras. No encontro coa prensa, Fernández deu a coñecer unha proposición non de lei que acaba de rexistrar na Cámara galega e na que en síntese se lle pide á Xunta de Galiza que reforce na tramitación do proxecto a protección da paisaxe, cuestión que o Trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica Simplificada non garante.

O impacto paisaxístico é brutal ao construírse un “muro de cemento” na beiramar de Labañou, relatou Alexandra Fernández. “O Proxecto das Percebeiras”, complementou Avia Veira, “incumpre, entre outras normas, o propio PXOM. No Plano Xeral dise que a Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, ten que ser visíbel desde a integridade da Avenida de Labañou. Pois ben, estamos a falar dunha vía pública duns 800 metros de lonxitude e co actual planeamento a Torre só se podería ver desde apenas 24 deses 800 metros”.

Alexandra Fernández, responsábel de Urbanismo e Ordenación de Territorio do grupo parlamentar do BNG, resaltou que ao Proxecto das Percebeiras se apresentaron “unha fervenza de alegacións” por parte das veciñas e veciños de Labañou. “Coa iniciativa que formulamos no Parlamento galego facémonos eco das demandas veciñais e trasladámosllas á Xunta para que free a tramitación actual, por non ser garantista da conservación do medio, e dea curso a un expediente que contemple o estudo do impacto sobre a paisaxe”, dixo.

20201118_110425

Nas Percebeiras confróntanse dous modelos de cidade, interpreta a deputada nacionalista. Dun lado, unha certa saudade pola cultura do pelotazo no seo do Goberno Local. Doutro, unha veciñanza que “desexa avanzar”, defender os bens comúns e non ollar para o pasado. “O que lle urxe ao Concello é aprobar este proxecto o máis axiña posíbel, sen reparar no impacto no medio. O que lle urxe á veciñanza, en troca, é a defensa do interese público, a defensa do que é de todas”. “Son dúas visións absolutamente contrapostas e desde logo nós aliñámonos coa veciñanza”, indicou.

E, alén do máis, hai alternativas aos mamotretos na beiramar. “Por suposto, nesta cidade hai 20 mil vivendas baleiras. Hai que mobilizar ese parque para garantir o dereito de acceso a unha morada digna e non limitarse a consumir solo para responder exclusivamente aos intereses dos que especulan e pretenden tirar plusvalías”, di Fernández, quen remarca que a cultura do pelotazo “non é tampouco un modelo ambientalmente sustentábel. O solo é un recurso limitado. Hai que ser moi coidadoso coa súa xestión. Estánolo dicendo a UE ou os diferentes organismos internacionais”.

O BNG pula por que o proxecto se dilixencie por medio dun Trámite de Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria –e non pola simplificada que elude o estudo do impacto paisaxístico- porque o Proxecto das Percebeiras vulnera “a normativa vixente en materia urbanística e de protección do medio ambiente”.

20201118_110717

De feito, o PXOM de 2013 prescribe un prazo de 4 anos para o desenvolvemento de proxectos desta natureza. “Está, por tanto, máis que caducado”. O Plano Especial de Labañou, estendeuse a deputada, tampouco cumpre nin a normativa da Xunta nin as directrices de ordenación do territorio nin o plano de ordenación do litoral “que especificamente prohibe a colocación de pantallas arquitectónicas na franxa costeira”.

“Por todo isto”, recapitulou, “pedímoslle á Xunta que poña un freo á tramitación deste plan especial pola vía simplificada e se lle dea curso polo procedemento ordinario”. 

E logo están as estratexias contra o cambio climático. “Estamos en 2020. Está a subir o nível das aguas en toda a parte. Que sentido ten masificar aínda máis o bordo litoral? Ningún. Cabe ao Goberno Galego utilizar as súas competencias para protexer a paisaxe e frear este proxecto”, conclúe Avia Veira.

 

 

A Xunta ten que someter o Proxecto das Percebeiras a avaliación ambiental ordinaria, con estudo do impacto paisaxístico