Os tribunais condenan o Goberno do PP por vulnerar os dereitos fundamentais de Carril

Os tribunais condenan o Goberno do PP por vulnerar os dereitos fundamentais de Carril

carril xose web 3A Coruña, 19 de novembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa a sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº3 da Coruña, de 15 de novembro de 2013 (podes descargar a sentenza picando nesta ligazón), que condena o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os seus dereitos fundamentais ao impedirlle o acceso ás auditorías da planta de Nostián. E ademais obriga o Goberno do PP a darlle as copias das auditorías ao portavoz do BNG.

Tal e como recolle a sentenza, Carril lembrou que a 20.03.2013 presentou por rexistro as solicitudes de acceso á auditoría técnica e medio ambiental de Nostián. A 25.03.2013, a tenente de alcalde delegada de Facenda emitía a resolución que lle denegaba a Carril o acceso ás auditorías de Nostián por formar parte dun procedemento aínda non resolto. Foi o 09.04.2013 cando o avogado de Carril interpuxo recurso contencioso-administrativo fronte á resolución do Goberno municipal do Partido Popular.

A sentenza declara con contundencia que o Goberno do PP impediu o control que en todo momento debe exercer Carril como concelleiro da oposición

A sentenza, afirmou o portavoz do BNG, declara que o Goberno do Partido Popular vulnerou o dereito de Carril a recibir información sobre as citadas auditorías. De feito, a resolución do Xulgado Contencioso Administrativo nº3 da Coruña afirma que non comparte a xustificación dada polo Partido Popular (que as auditorías forman parte dun procedemento aínda non resolto) para tombar as solicitudes do portavoz nacionalista.

A sentenza é moi clara ao sinalar que a denegación do Goberno do Sr. Negreira “impide o control que en todo momento debe exercer aquel (Carril), tanto preventivo, como posterior...”. Ademais, a sentenza salienta que “a negativa a ofrecerlle ao edil o acceso a eses documentos supuxo a vulneración do dereito fundamental que consagra o artigo 23.1 da Constitución Española, polo que a resolución de 25.03.2013 debe ser anulada”. E remata a sentenza recoñecéndolle ao portavoz do BNG “o seu dereito a obter as copias interesadas”.

Deste xeito, o fallo do Xulgado Contencioso Administrativo nº3 da Coruña anula a resolución do Goberno do Sr. Negreira e condénao a facilitarlle a Carril copia das auditorías dentro dos cinco días seguintes ao da notificación da firmeza desta sentenza, sentenza contra a que cabe recurso de apelación por parte do Goberno municipal.

O próximo impedimento vulnerador dos dereitos fundamentais motivará unha denuncia penal ao abeiro do artigo 542 do Código Penal

Carril puxo de manifesto na rolda de prensa que se trata da segunda vulneración de dereitos fundamentais (a primeira foi no caso do acceso a documentación relativa á Compañía de Tranvías). Por esta razón, advertiu de que a próxima vez que isto aconteza denunciará penalmente o Goberno do Sr. Negreira por delito de impedimento do exercicio de dereitos cívicos recoñecidos pola Constitución, ao abeiro do art. 542 do Código Penal.

O precepto 542 do Código Penal dispón que “incorrerá na pena de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por tempo de un a catro anos a autoridade ou o funcionario público que, malia o saber, lle impida a unha persoa o exercicio doutros dereitos cívicos recoñecidos pola Constitución e as Leis”.

O portavoz do BNG afirmou que este tipo de denuncias son habituais na xurisdición penal, en que os tribunais se teñen pronunciado condenando os denunciados. Citou, entre outras, unha sentenza do Tribunal Supremo (Sala do Penal) de 11 de marzo de 2002, nun caso de condena a autoridades e funcionarios dunha Corporación municipal. Carril aconselloulle ao Sr. Negreira a súa lectura, xa que é moi ilustrativa do que non debe facer o alcalde da Coruña.

E é que esta sentenza, salientou, di literalmente “nun sistema democrático a oposición pode ser –e de feito debe ser- molesta para quen exerce o Poder, ao realizar os seus labores de control, pero isto non lexitima en absoluto a utilización abusiva das facultades do Goberno para entorpecer e obstaculizar a súa función, impedindo o exercicio de dereitos –como o de información- que as leis expresamente recoñecen e que son inherentes ao exercicio fundamental de dereito á participación de todos os cidadáns nos asuntos públicos”.

O BNG volve esixir que se fagan públicas as auditorías

Por último, Carril rematou a súa intervención exixindo, de novo, que se fagan públicas as auditorías para que toda a xente e non só o BNG teña coñecemento do grao de cumprimento e incumprimento da concesión administrativa por parte de Albada.

Os tribunais condenan o Goberno do PP por vulnerar os dereitos fundamentais de Carril