Un modificativo dous meses despois de aprobar o orzamento?

Un modificativo dous meses despois de aprobar o orzamento?

Vimos de amosar a nosa desconformidade co modificativo de crédito que está mañá foi debatido na Comisión de Facenda e emprazamos ao Goberno municipal a explicar por que, tan só dous meses despois de ter aprobado os orzamentos municipais (e con seis meses de retraso) ten que realizar este axuste.

Cuestionamos o modificativo que vén hoxe de se debater na Comisión de Facenda e emprazamos ao Goberno municipal a xustificar este axuste nos orzamentos de 2016 tan só dous meses despois de ser aprobados, con seis de retraso

E é que sinalamos que, entre outras cuestións, este modificativo vai facer fronte ao pago de recoñecementos extraxudiciais por valor de 2.405.181,66 euros, a través de dúas baixas de crédito, o proxecto do pavillón para a Praza José Toubes, e, o que máis nos preocupa, a rehabilitación do mercado de Santa Lucia (400.000,00 euros), asemade de empregar remanente de tesouraría, e destes, 806.639,60 euros resultantes de superávit da liquidación do exercicio 2015.

Exterior do mercado de Santa Lucía

Así, constátase como novamente o Goberno municipal, e baixo xustificacións técnicas, neste caso ao considerar imposíbel licitar a obra e executala neste 2016, desatende e abandona á súa sorte á praza de Santa Lucía, trasladando para a anualidade do 2017 os investimentos. Neste sentido, a nosa concelleira Avia Veira sinala que “no Bloque levamos anos avisando da situación extrema deste mercado, onde as praceiras e praceiros foron abandonados polo anterior Goberno municipal do Sr. Negreira e, como parece ser, tamén están sendo abandonados polo actual. Cremos que ambos mandatos coinciden en querer deixar morrer o mercado, polo que aprazar a licitación e execución das obras significa o progresivo e irreversíbel deterioro das instalacións, querendo facer inútil o seu uso”.

O uso de superávit da liquidación de 2015 sen ter aínda aprobada a Conta Xeral do ano anterior en Pleno, a falta de previsión de determinados gastos, as baixas inxustificábeis en investimentos, como a do mercado de Santa Lucia, ou os cambios na orixe para o financiamento en varias partidas, non só pon ao descuberto, tan só dous meses despois, unha aprobación trapalleira dos orzamentos, amosa tamén que o Goberno Municipal realizou unha xestión e planificación nefasta do orzamento municipal

Avia veira tomando asento antes de comezar o Pleno no que se aprobaron os orzamentos 2016

Por outra banda,  tamén queremos sinalar que nos parece incomprensíbel que se faga uso do superávit da liquidación do exercicio de 2015, sen aínda ter aprobada a Conta Xeral dese ano. Desde logo en canto á forma cremos moi dubidoso que se faga uso deste superávit sen ter aínda os informes e a Conta Xeral de 2015 aprobada en Pleno. Xa estabamos afeitas a que no mandato do Partido Popular a Conta Xeral fora debatida e aprobada bordeando as marxes legais establecidas, e supoñiamos que a Marea Atlántica mudaría este xeito de proceder. Porén, o Executivo local deu un paso máis e agora empregan, sen tela aprobada, un superávit pendente do visto e prace do Pleno, algo que ao noso xuízo parece incomprensíbel.

En canto ao destino do gasto, temos que facer destaque de que máis do 80 % dos recoñecementos extraxudiciais, case 2 millóns de euros, son para facer fronte ao pago a cargo da aplicación referida á tarxeta da Compañía de Tranvías entre outubro e decembro de 2015. É por iso que consideramos, de novo, inaprazábel dar o debate sobre o custo do transporte público urbano.

Destacamos que máis do 80 % dos recoñecementos extraxudiciais, case 2 millóns de euros, son para facer fronte ao pago a cargo da aplicación referida á tarxeta da Compañía de Tranvías entre outubro e decembro de 2015 e volvémonos a preguntar cando se abordará de vez o problema económico que lle causa ás arcas municipais, ano tras ano, o transporte público urbano

Novamente o transporte público urbano supón un "gasto imprevisto" ás arcas municipais.

Independentemente de que o Partido Popular, de xeito doloso, non prevera no orzamento de 2015 o pago do prezo do servizo de transporte urbano (tal e como fora indicado pola propia intervención municipal no informe dos orzamentos dese ano), e independentemente de que non se fixeran as previsións oportunas, coñecendo ese informe, cando se elaborou e aprobou o orzamento para este ano 2016, hai dous meses, cómpre resolver de xeito definitivo os custes que a Compañía de Tranvías causan as arcas municipais ano tras ano. É necesario e urxente revisar a concesión outorgada á compañía e do regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña. E esiximos ao Goberno municipal o cumprimento inmediato da súa promesa na campaña electoral da fiscalización da concesión.

Por último, xa adiantamos que non votaremos a favor deste modificativo, e emprazamos ao Goberno municipal a dar explicacións públicas de todos estes axustes que se poderían ter previstos hai tan só dous meses cando se levou a Pleno a aprobación definitiva do orzamento para este 2016.

A Coruña, 9 de agosto de 2016

Un modificativo dous meses despois de aprobar o orzamento?