O Goberno municipal confirma o encarecemento da auga e fai un novo agasallo á Autoridade Portuaria

O Goberno municipal confirma o encarecemento da auga e fai un novo agasallo á Autoridade Portuaria

A Coruña, 19 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG coñeceu no día de hoxe que o Goberno do Sr. Negreira desestimou todas as súas reclamacións ás ordenanzas fiscais e de prezos públicos. As propostas do BNG foron elaboradas en base ao criterio de xustiza social e estaban encamiñadas a reducirlles os impostos a colectivos desfavorecidos, como as persoas no desemprego, con discapacidade e pensionistas, entre outros. Ademais, o BNG, e máis de 1.800 persoas que presentaron reclamacións individuais, tamén solicitaba que non subise o recibo da auga. Tamén reclamaban os nacionalistas que se mantivesen as taxas por incineración de animais e que as hortas urbanas fosen de balde.

A Autoridade Portuaria, que no pasado exercicio obtivo uns beneficios de 17,3 millóns, protagonizou una das reclamacións do BNG, que esixiu que non se lle conxelase o IBI. Esta dádiva do Goberno municipal (que lle mantén ao Porto o tipo do 0,6% e non do 1,3%, que sería o que lle correspondería) supón que o Concello deixe de ingresar un total de 1,09 millóns.

Un novo agasallo para a Autoridade Portuaria

A conxelación do IBI non é o único agasallo á Autoridade Portuaria que recollen as ordenanzas fiscais e de prezos públicos. O Grupo Municipal do BNG vén de coñecer que o Goberno municipal asume unha das reclamación presentadas polo Porto. Ten a ver coa ordenanza fiscal número 8 reguladora da taxa por prestación do servizo de extinción de incendios, salvamento e outros. O presidente da Autoridade Portuaria presentou esta reclamación con motivo dun futuro convenio que, segundo apunta no texto da alegación, se vai a asinar co fin de que se estabeleza “unha colaboración para a actuación nas áreas preventiva, formativa e de intervención en materia de seguridade e prevención e control de urxencias no porto da Coruña e nas novas instalación portuarias de Punta Langosteira”.

Á vista da documentación á que tivo acceso o BNG e na que o director de Seguridade e Mobilidade lle dá o visto bo á reclamación do Porto, o Goberno do Sr. Negreira incluirá no artigo 2.1 desta taxa (artigo que estabelece quen están exentos desta taxa) a inclusión dun apartado, o d), que afirma “los de colaboración con todos los cuerpos, órganos y entes de todas las Administraciones Públicas, siempre que sean debidos a la falta de medios adecuados para la prestación de los mismos”.

Até o de agora, segundo esta ordenanza, a prestación do servizo municipal en materia de extinción de incendios, salvamento e seguridade só podería cinguirse ao porto da Coruña, é dicir, ao termo municipal, e nunca máis alá. Coa modificación, o Sr. Negreira dálle o visto e prace a ampliar o radio de actuación a Punta Langosteira e abre a porta a que este servizo se lle preste gratuitamente, por conta da cidadanía da Coruña, á Autoridade Portuaria, que ten o deber, e tamén ten recursos, de contar con estes servizos de extinción de incendios, salvamento e seguridade.