O BNG súmase á folga contra un lei que atenta contra o ensino público, a igualdade e a lingua

O BNG súmase á folga contra un lei que atenta contra o ensino público, a igualdade e a lingua

A Coruña, 9 de maio de 2013.- O BNG da Comarca da Coruña súmase á folga convocada pola comunidade educativa contra a LOMCE, unha lei que atenta contra o ensino público, contra a igualdade e contra os dereitos lingüísticos. Precisamente, unha nutrida representación do BNG participou esta mañá na manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que estiveron presentes máis de 7.000 persoas. Entre os asistentes atopábanse o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, o responsábel comarcal, Paulo Carballada, ou do portavoz municipal na Coruña, Xosé Manuel Carril, ademais de edís en concellos da comarca.

En declaracións aos medios, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, pediu a dimisión do ministro de Educación, impulsor da "Lei da Wertgoña" e lamentou que Madrid invada as competencias de Galiza con esta nova norma, que previsibelmente será aprobada mañá no Consello de Ministros. Criticou o presidente da Xunta de Galiza por non defender as competencias do país.

Jorquera deixou clara a total oposición do BNG á lei Wert, que supón unha involución en toda regla e que é froito da imposición, xa que non se consensuou con ninguén da comunidade educativa, e advertiu do duro golpe que a Lei Wert vai supór para a Universidade pública. Sinalou que o futuro das máis persoas novas se verá comprometido con reformas educativas regresivas e reaccionarias como esta norma.

O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza puxo de manifesto que a privatización do ensino que pretende o PP "obstaculizará o acceso universal á educación". Engadiu que "voltarán os tempos dunha educación para persoas ricas e para as que a poidan pagar, marxinando o estudantado de familias con menos recursos económicos". Ademais, explicou que a lei recolle aspectos cuestionados por atentar contra a igualdade, como as axudas a centros que segregan por sexo, e o impulso dunha educación confesional alonxada dun modelo laico e público, sen esquecer "o ataque claro que queren perpetrar á educación nas linguas cooficiais como o galego, o catalán e o euskera".

Nesta liña, advertiu de que a Lei Wert "busca situar as linguas propias e o galego nunha posición secundaria no sistema educativo por non incluílo entre as materias troncais". "A nosa lingua non pode ter unha consideración inferior ás linguas estranxeiras no currículo escolar", salientou o nacionalista, quen censurou o sesgo "centralizador do proxecto e profundamente conservador" da lei.

Por último, Jorquera alertou sobre a incentivación do ensino concertado e privado e sobre o sistema de reválidas de Wert, un método contrario á educación.

O BNG súmase á folga contra un lei que atenta contra o ensino público, a igualdade e a lingua