O BNG leva ao Pleno unha moción para derrogar a nova lei de taxas xudiciais

O BNG leva ao Pleno unha moción para derrogar a nova lei de taxas xudiciais

A Coruña, 30 de novembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, reuniuse ás 11h desta mañá, na sede do Colexio de Avogados da Coruña, co decano desta entidade, Antonio Platas, para lle presentar a moción dos nacionalistas contra os recortes no dereito fundamental á xustiza, unha iniciativa que recibiu o visto e prace do tamén presidente do Consello da Avogacía Galega.

Así, en base a esta moción, Carril solicitará en Pleno o rexeitamento do Concello da Coruña á Lei 10/2010, de 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da administración de xustiza, e que se inste o Goberno de España a derogar esta norma, co fin de garantir o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva. O obxectivo, sinala Carril, é evitar que haxa unha xustiza para persoas ricas e outra para persoas pobres.

Ademais, o portavoz nacionalista explica que proporá en Pleno que o Concello se subscriba ao Manifesto da Avogacía, aprobado por unanimidade pola Comisión Permanente do Consello Xeral o día 8 de novembro de 2012, así como o Manifesto sobre loita contra os recortes no dereito á xustiza de FACUA-Consumidores en Acción.

Carril tamén esixirá a retirada inmediata do Proxecto de Lei de reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que prexudica a calidade da xustiza e que non atopa xustificación na situación de crise, e instará o Concello a convidar a cidadanía a participar nas concentracións que se realicen en apoio das reivindicacións das organizacións relacionadas coa xustiza, movemento asociativo da Coruña, sindicatos e organizacións políticas contra a citada lei e contra o citado proxecto de lei.

O BNG denuncia que as novas taxas xudiciais limitan o acceso da cidadaía á xustiza por causas económicas

O portavoz do Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a Lei 10/2012, de 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no eido xudicial, limita o acceso a un dereito fundamental por causas económicas e facendo caso omiso ao artigo 24 da Constitución española, que recoñece o dereito á tutela xudicial efectiva "sen que, en ningún caso, poida producirse indefensión". Deste xeito, apunta Carril, "a xustiza queda ao alcance duns poucos".

O portavoz nacionalista lembra que a lei foi e está a ser obxecto de críticas do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Consello do Estado, do Consello Xeral da Avogacía Española e de asociacións de xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, avogados e persoas en xeral. E é que estas novas taxas "provocarán a indefensión de multitude de cidadáns e cidadás".

Unha "gravísima restrición, inédita na democracia"

A continuación, Carril faise eco das diferentes críticas realizadas polos órganos citados. Así, pon de manifesto que o Consello da Avogacía Galega considera que se trata dunha "gravísima restrición, inédita na democracia, dos dereitos da cidadanía no acceso á xustiza", cuxa "principal vítima... será a propia cidadanía que, logo de ter sufragado o custo da Administración de Xustiza cos seus impostos, cando recorra a ela, atopará unha carga económica intencionada, xa que o Ministerio defende a súa proposta precisamente polo seu efecto disuasorio".

Tamén recolle o nacionalista o parecer do Consello da Avogacía Galega, que opina que a lei "promove a inxustiza social, xa que as persoas con menos recursos económicos terán máis dificultades para acceder á xustiza, o que levará consigo a discriminación e os recortes dos dereitos dos máis pobres". Nisto mesmo, engade Carril, insiste FACUA, ao afirmar que a nova lei aprobada polo Goberno de Rajoy "supón a implantación dunha xustiza para ricos e outra para pobres, ao limitar o acceso a un dereito fundamental en función dos nosos recursos económicos".

O BNG leva ao Pleno unha moción para derrogar a nova lei de taxas xudiciais