O BNG denuncia houbo menos espectadores na feira taurina e que o goberno municipal gastou máis

O BNG denuncia houbo menos espectadores na feira taurina e que o goberno municipal gastou máis

DSC_4652A Coruña, 11 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira debullou esta mañá en rolda de prensa os datos de asistencia á feira taurina. Fíxoo acompañada do portavoz da plataforma Galiza, Mellor Sen Touradas, entidade que, á vista das cifras, volveu insistir na necesidade de que o Concello da Coruña lle rescinda o contrato á empresa. A edila nacionalista advertiu de que “un ano máis, os números poñen de manifesto que a feira taurina carece de absoluta afección na nosa cidade” e denunciou que houbo menos espectadores e o Goberno municipal gastou máis na subvención que inxecta pola porta de atrás ás touradas.

Segundo as cifras recollidas no expediente do IMCE ao que o BNG tivo acceso, a feira taurina custoulle á veciñanza da Coruña un total de 95.283 euros, un 5% máis que o ano pasado. Estes cartos derivan dunha subvención indirecta que o Goberno municipal lle outorga á feira taurina en conceptos de aforro de taxas polo uso do Coliseum, montaxe, terra ou persoal, entre outras partidas. Así, mentres o Concello gastou 95.283 euros en tres días de touradas, a empresa recadou 104.201 euros, “un auténtico choio para a empresa”, en palabras da nacionalista.

No que respecta á venda de entradas, este ano vendéronse só 5.137 entradas das 25.257 entradas en venda; é dicir, a empresa vendeu só un 20% do que tiña previsto. En canto aos convites, este ano houbo 2.084, cando o ano pasado houber 1.919 euros.

En comparación co ano pasado, tomando como referencia o primeiro día de feira taurina, mentres este ano a empresa recadou neste primeiro día un total de 19.757 euros, o ano pasado, no primeiro día recadaba 31.005 euros. En canto ás entradas vendidas para o primeiro día, a empresa vendeu 989 entradas este ano, mentres que o ano pasado vendía 1.140 euros.

Cos datos sobre a mesa, a concelleira Avia Veira cualificou de fraude a feira taurina “canto menos asistencia, o Concello pon máis cartos públicos” e sinalou que financiar as touradas é “inmoral” porque se torturan animais e é “impresentábel” dada a escasísima afección. Por iso, a nacionalista pediulle ao Goberno municipal que acabe coa política de “pouco pan e pésimo circo” que nos ofrece.

Galiza, Mellor sen Touradas pide a rescisión do contrato

Na mesma liña, o portavoz de Galiza, Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, advertiu do “ridículo institucional” practicada polo Sr. Negreira dadas as cifras reveladas de asistencia e venda de entradas reveladas hoxe e reclamou a rescisión do contrato de explotación. “Hai suficientes causas de interese público para pedila”, sinalou.

No que respecta ás acusacións da peña taurina, que vinculou a plataforma co BNG, Rubén Pérez insistiu en que o colectivo non recibe ningún tipo de subvención de institucións, nin grandes empresas, nin grupos políticos en cumprimento do seu código ético. Sinalou que “os que acusan de estarmos subsidiados, levan anos recibindo subvencións de administracións públicas como a Deputación”. E advertiu de que de non se retractar o departamento xurídico de Galiza, Mellor sen Touradas adoptará as medidas oportunas por posíbeis inxurias e calumnias.

O BNG denuncia houbo menos espectadores na feira taurina e que o goberno municipal gastou máis