O BNG critica a dupla faciana do PP, que vota en contra da rexeneración da ría do Burgo

O BNG critica a dupla faciana do PP, que vota en contra da rexeneración da ría do Burgo

A Coruña, 19 de abril de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta mañá en rolda de prensa o xogo das apariencias e a dupla faciana do Partido Popular, que onte votou en contra dunha proposición non de lei presentada polas nacionalistas no Parlamento de Galiza, a instancias da Confraría de Pescadores e da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, para a retirada dos lodos, a rexeneración da ría e para a recuperación produtiva.

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, lamentou que o Partido Popular non aposte polas demandas do sector implicado e amosouse crítico coas manobras de confusión do PP. “No Concello da Coruña, o Sr. Negreira di que apoia todo o relacionado coa ría do Burgo, mais, á hora da verdade, o alcalde e o seu partido fan o posíbel para que as propostas en defensa da ría non saian adiante”, expuxo.

Pola súa banda, o portavoz parlamentar de Pesca do BNG, Daniel Rodas, sinalou que a ría, que cualificou de “vertedoiro”, “por todas as substanciais fecais, pluviais e industriais que verteron durante tantos anos”, precisa, de inmediato, o compromiso firme das Administracións, dado que se atopa “nunha situación drámatica”. Apuntou que non se trata só dunha realidade que padece o sector marisqueiro, senón tamén a veciñanza e salientou o potencial da ría de producir postos de traballo de calidade.

O deputado do BNG esixiulle ao Goberno galego “que deixe de predicar e asuma as promesas realizadas na campaña electoral” en relación á ría. Sinalou que o PP xa incumpriu a súa palabra cando, por segundo ano consecutivo, destinou cero euros á rexeneración da ría. “E perdeu o PP unha segunda oportunidade que lle deu o BNG para comezar coa retirada e á reciclaxe dos lodos, de cara a rexenerar, a continuación, a ría con novo estrato areal”, advertiu. De xeito complementario, explicou, o BNG tamén pedía na iniciativa protexer o colectivo de mariscadoras e colaborar a través dun convenio para que fosen as propias mariscadoras a protagonistas da mellora do cultivo da semente e dos areeiros e que se modificasen criterios do servizo salvagardas, co obxectivo de “teren presenza a pé na praia e non nos despacho”.

Daniel Rodas acusou o Partido Popular “de non estar á altura das circunstancias”, “xa aborrecen, predican todo canto queren para, chegada a hora da verdade, facer todo o contrario”.

Manuel Cao: “As mariscadoras séntense rexeitadas pola conselleira do Mar”

Pola súa banda, o patrón maior da Confraría da Coruña, Manuel Cao, puxo de manifesto que “as mariscadoras séntense rexeitas pola conselleira do Mar, ou pensa que na Coruña non temos mar ou que somos uns marcianos”. “Somos mariscadores iguais que os das Rías Baixas”, reivindicou, para sinalar, a continuación, que “estamos, completamente abandonados pola Xunta de Galiza”. Así, criticou que ao Xunta destine fondos europeos para recuperar praias e na Coruña se negue a retirar os lodos da ría.

A continuación, salientou que “se o CEDEX (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas) di que a rexeneración é inviábel, nós demostraremos que é viábel e que non se trata de ningunha ciencia ficción”. “De feito, fíxose na ría de Huelva ou en Bilbao, así que se o CEDEX non lle atopa viabilidade ímoslla atopar nós”, concluíu.

Por último, o asesor da Confraría, Luís Dopico, puxo de manifesto que as mariscadoras non poden resolver os problemas derivados do furtivismo e sinalou que é a Xunta de Galiza quen ten que actuar. Ademais, afirmou que “estamos fartos das mentiras do PP” e amosou esperanzas de cara á resolución do Comité de eurodeputadas que visitaron a ría do Burgo no mes de febreiro e que “viron, cos seus ollos, que a degradación da ría non é unha invención”. Dopico concluíu cargando contra o Partido Popular por ter abandonada a pesca tradicional e o marisqueo.

O BNG segue colaborando na recollida de sinaturas que está a desenvolver a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo de cara ao dragado de lodos e a rexeneración. Precisamente, as nacionalistas recolleron medio cento de sinatura no Campus Universitario de Elviña esta semana.

 

O BNG critica a dupla faciana do PP, que vota en contra da rexeneración da ría do Burgo