O alumnado con diversidade funcional fica discriminado no programa municipal "Coruña Saúde"

O alumnado con diversidade funcional fica discriminado no programa municipal "Coruña Saúde"

A Coruña, 17 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo rexistrou unha batería de preguntas para a resposta escrita en que se interesa polos motivos que levaron o Goberno municipal a discriminar o alumnado con diversidade funcional do programa de prevención “Coruña Saúde”. A iniciativa de Bravo recolle as demandas que pais e nais de crianzas con necesidades especiais lle transmitiron ao Grupo Municipal do BNG sobre este programa municipal.

Bravo pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira se considera que é educativo que este programa non teña en conta á atención á diversidade e se ten coñecemento de que existe alumnado con diversidade funcional que está a ser discriminado porque “Coruña Saúde” non conta con materiais adaptados ás necesidades destas crianzas. Ademais, a edila do BNG interésase polo prazo que o Goberno municipal lle vai conceder á Fundación María José Jove para elaborar este material que permita que todo o alumnado, independentemente das súas necesidades poida aproveitar este programa.

Tamén lle pregunta Bravo ao Goberno municipal cal é o custo total do programa e que porcentaxe de cantidade achegan o Concello e a Fundación María José Jove; se coñece os contidos e materiais entregados ao alumnado e se a Concellaría de Educación realiza unha avaliación continua de “Coruña Saúde”.

O alumnado con diversidade funcional fica discriminado no programa municipal "Coruña Saúde"